Site icon Crónica3.com A Mariña

José Tomé: “Mentres o PP traizoou á Mariña e só vén para meter medo, os socialistas aportamos solucións, xestión e proxectos”

O Secretario Xeral dos socialistas na provincia destacou o liderado maioritario de mulleres na comarca nas listas do PSdeG ás eleccións municipais: 10 candidatas dun total de 16 concellos, un 63%: “o noso feminismo é real, con feitos, con realidades”

Foz, 1 de maio de 2023. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns na tradicional festa dos socialistas de Foz no Bispo Santo con motivo do Primeiro de Maio, un encontro ó que se desprazou tras asistir tamén á manifestación polo Día Internacional do Traballo celebrada na capital lucense.

Durante a súa participación na festa dos socialistas focenses, José Tomé, xunto ao Alcalde de Foz, Fran Cajoto, subliñou que, mentres o Partido Popular “traizoou á Mariña” e vai á comarca “meter medo, enredar e facer ruído”, os socialistas aportan “solucións e proxectos, con xestión, transparencia, enerxía e talento. Sempre cerca da xente, escoitándoa e atendéndoa, porque traballamos por e para as persoas”.

Neste sentido, José Tomé incidiu en que os veciños e veciñas da Mariña “non queren que os políticos veñan aquí para meter medo, para pregoar a mentira de que aquí non hai futuro, para facerse fotos, pero non aportar solucións, como fixo o PP con Alcoa. Os veciños da Mariña non queren políticos que os traizoen, como fixo o PP con Altri, e non perdoarán esa gran traizón”.

Compromiso do PSdeG coa Mariña

Os mariñanos “queren alcaldes e alcaldesas que dean a cara por eles, que loiten polo seu futuro, como facemos os socialistas sempre”, asegurou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia, subliñando que, se a actividade industrial de Alcoa se mantén “é grazas ós socialistas e ós traballadores”, ademais de avanzar que seguirán “esixindo un Plan Industrial para A Mariña, defendendo a pesca, todo o sector primario, seguiremos loitando polas infraestruturas, polos servizos públicos, para que haxa médicos de familia, pediatras, mestres, medidas de conciliación, ou atención ós nosos maiores. Todo isto é o que facemos os socialistas cando gobernamos”.

José Tomé recalcou que, ante “a ausencia da Xunta de Galicia, que castiga sen pudor ós concellos que non son da súa cor política, dende a Deputación investimos, só neste mandato practicamente 47 millóns de euros na comarca da Mariña en políticas sociais, en residencias, no Servizo de Axuda no Fogar, na Teleasistencia, nas estradas, en dotacións para os veciños, culturais e deportivas, e no apoio ó tecido asociativo e ás empresas”.

Por todo isto, “o presente da Mariña é socialista -dos 16 concellos, 10 teñen socialistas na alcaldía ou no goberno- e o futuro aínda será máis socialista” tras as eleccións municipais, destacou José Tomé, quen agradeceu e puxo en valor o traballo dos candidatos e candidatas de cara á cita coas urnas o 28 de maio. “Vamos ir a máis, manteremos as alcaldías que temos, imos gañar algunha máis e manteremos a Deputación de Lugo”, recalcou, porque “temos os mellores candidatos e candidatas, e os mellores proxectos de futuro para os nosos concellos, para esta comarca e para toda a provincia”. Neste sentido, destacou o traballo do Alcalde focense, que “representa o que lle ofrecemos os socialistas á sociedade: ideas, progreso, capacidade de xestión, diálogo, altura de miras e firmeza na defensa do noso. Sempre cerca da xente, escoitando, tomando nota e resolvendo”.

Liderado das mulleres

“Falar de socialismo é falar de progreso, de futuro, de desenvolvemento social e económico. Sempre vamos abrindo camiño en todos os avances da sociedade, en dereitos sociais, laborais, benestar, xustiza social e igualdade”, afirmou o Secretario Xeral do partido na provincia, quen destacou o liderado maioritario de mulleres na comarca nas listas do PSdeG ás eleccións municipais: 10 candidatas dun total de 16 concellos, un 63%, porque “o noso feminismo é real, con feitos, con realidades”.

Exit mobile version