Site icon Crónica3.com A Mariña

Lamela estudou coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda as opcións para a rehabilitación de edificios no Valadouro, que porá en marcha se chega á alcaldía

O aspirante do PP á alcaldía di que a rehabilitación de edificios é necesaria por razóns económicas e sociais, de seguridade, sentimentais e para mellorar a imaxe e facer máis atractivo o municipio para vivir

O Valadouro, 19 de maio de 2023. A rehabilitación do parque inmobiliario nos ámbitos urbanos máis significativos é un dos grandes retos que deben afrontar os gobernos locais, utilizando para elo os recursos ao alcance dos propios concellos, buscando aqueles que están dispoñibles noutras administracións e estimulando o interese dos particulares por involucrarse neste obxectivo. No Valadouro, o candidato do PP á alcaldía, José Manuel Lamela, comprométese con total claridade no seu programa electoral a traballar para conseguilo e, xa antes das eleccións, empezou a manter contactos coa Xunta para ir adiantando camiño para o caso de que, como espera, os seus veciños e veciñas lle dean a confianza electoral para gobernar.

Lamela xa expuxo o seu proxecto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na recente visita que efectuou a Ferreira do Valadouro. Lamela e Vázquez analizaron as opcións que ofrece a Xunta para a rehabilitación de edificios. O aspirante popular á alcaldía ten claro que, se goberna, non deixará de apelar a todos os recursos precisos, tanto para a intervención directa da Administración, para a adquisición e rehabilitación de edificios para titularidade pública que despois poidan ser postas en aluguer, como para que os particulares tramiten as subvencións dispoñibles para a posta a punto dos seus inmobles.

Lamela sinala: “Na praza de Santa María hai moitos edificios moi significativos que están baleiros e en rápido proceso de deterioro e, ou ben por iniciativa pública ou ben privada, hai que corrixir esta situación. A miña pretensión é intervir tamén para estimular a rehabilitación de edificios e a mellora urbanística no barrio de Triana”.

O candidato popular á alcaldía di: “Hai que empuxar a rehabilitación porque é necesario ofrece vivenda a prezos asumibles, tanto en propiedade como en aluguer, como condición necesaria para atraer e fixar poboación; tamén, porque os edificios en mal estado, e máis aínda se son edificios importantes, dan mala imaxe dos ámbitos urbanos e, por extensión, do concello. E tamén por motivos de seguridade e sentimentais, porque ninguén quere ver esmorecer o seu pobo; polo menos eu non quero, e se os meus veciños e veciñas me dan a confianza para gobernar, o actual estado de cousas cambiará”.

Exit mobile version