Site icon Crónica3.com A Mariña

Miguel Corgos e Rosa Quintana arrouparon aos candidatos populares na Mariña no peche da campaña electoral

O coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, interveu nos mitins en O Vicedo, Xove e Cervo

Lugo, 26 de maio de 2023. Os candidatos populares na Mariña traballaron intensamente na xornada de peche de campaña para explicar as súas propostas aos seus veciños. Como veu ocorrendo dende o principio da campaña, os alcaldables populares contaron co respaldo de membros do Goberno galego, neste caso do responsable de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e da titular do Mar, Rosa Quintana. O coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, participou nos mitins no Vicedo, Xove e Cervo

Corgos estivo en Viveiro, nun reparto electoral coa candidata popular á alcaldía, Mariña Gueimunde. Posteriormente, arroupou no mitin ao alcalde e candidato a repetir na alcaldía do Vicedo, Jesús Novo. O alcaldable, na súa intervención, criticou a falta de investimentos da Deputación no Vicedo. Neste sentido, dixo que os cartos que chegan dende a Deputación son practicamente en exclusiva aqueles que non ten máis remedio que aportar, que son os do Plan Único. Novo dixo que o único investimento fóra do citado plan foi o de 30.000 euros nunha estrada en pleno proceso electoral.

Novo destacou na súa intervención que están iniciados os trámites para a expropiación dun tramo do paseo da praia de Fomento, e puxo de relevo tamén que xa están avanzados os trámites para adxudicar o centro de día.

Pola súa parte, Miguel Corgos salientou o compromiso do Goberno galego cos concellos e lembrou que coas rebaixas fiscais aprobadas polo Executivo autonómico de media cada galego se aforrará 476 euros ao facer a declaración do IRPF correspondente ao ano 2022.

O titular da Facenda Autonómica tamén subliñou que o Programa de Impostos 0 no rural, pioneiro en España, favorece a mobilización de terras agrarias e a actividade agrogandeira e que calquera veciño que queira comprar fincas rústicas, vendelas ou agrupalas non paga impostos.

Igualmente, expresou o claro compromiso do Goberno galego co reequilibrio territorial, polo que, orzamento a orzamento, investimos máis nos veciños da provincia de Lugo. Como exemplo, dixo que este ano o investimento por veciño en Lugo é de 5.288 €, o maior das catro provincias.

Por outra banda, para evitar a exclusión financeira, resaltou que, grazas ao impulso da Xunta de Galicia, O Vicedo xa ten operativo un caixeiro e os veciños e veciñas poden facer a diario no seu pobo as xestións financeiras máis necesarias sen terse que desprazar a outro concello.

A responsable do Mar do Goberno galego, Rosa Quintana, apoiou aos alcaldes e candidatos a repetir na alcaldía de Xove, Demetrio Salgueiro, e de Cervo, Alfonso Villares. Nos dous casos, resaltou o traballo feito polos respectivos gobernos locais ao longo dos últimos anos e expresou a necesidade de que se manteña no tempo esta liña de xestión, para conseguir os mellores servizos e infraestruturas para os veciños.

En Xove, Demetrio Salgueiro manifestou que o próximo mandato seguirá mantendo a aposta polos servizos sociais, nos que este concello é todo un referente. Da mesma maneira, proseguirá o apoio e colaboración coas asociacións, como forma de implicación dos veciños na vida do concello. Na mesma liña de xestión que a mantida ata agora, na folla de ruta deste alcalde e de novo alcaldable figura avanzar nas infraestruturas, tanto no que se refire a estradas como as relacionadas co ciclo da auga, ademais de dotar ao concello dun novo pavillón. Destacou tamén as xestións para o novo porto deportivo de Morás. Salgueiro confirmou o seu convencemento de potenciar o plan de emprego e de impulsar a ampliación do polígono de Camba.

En Cervo, o alcalde e de novo alcaldable popular, Alfonso Villares, puxo especial énfase en resaltar que por fin, despois de 35 anos, o Concello está libre de hipotecas económicas. Con esta situación, danse as condicións “para seguir construíndo Cervo con todos os proxectos do noso programa”, sinalou Villares. Manifestou que o prioritario é “seguir preservando os servizos públicos, nos que somos referentes en Galicia”.

Exit mobile version