Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo lamenta que “nin Daniel Vega, nin Alfonso Rueda sexan quen de concretar a cantidade que van destinar á reforma integral do Hospital Asilo”

Ribadeo, 18 de maio, 2023. O BNG de Ribadeo lamenta que unha vez máis, e xa van tres, nin Daniel Vega, nin Alfonso Rueda sexan quen de concretar, negro sobre branco, a cantidade que van destinar á reforma integral do Hospital Asilo de Ribadeo. Presumen do que non é máis que xestión ordinaria das diferentes consellarías, pero non concretan ningunha inversión nova para o noso concello.

Cando Alfonso Rueda visita Ribadeo en plena campaña electoral e nos comenta que con Daniel Vega e a súa capacidade de xestión Ribadeo está moi ben atendido na Xunta de Galicia non acabamos de ver en que se ve reflectido na vida diaria do noso concello. Desde a Xunta de Galicia, e desde o Partido Popular, queren converter en algo excepcional o que é o desenvolvemento cotián da actuación da Xunta en Ribadeo e en calquera concello. Non nos poden vender como excepcional e trato preferente o que é unha obriga para a Xunta. O funcionamento cotián das consellarías en Ribadeo non é milagre dun deputado, senón o desenvolvemento normal da actividade dunha consellaría, que, por certo, non o fai nada ben.

Comentaron Daniel Vega e Alfonso Rueda que analizaron os investimentos feitos en Ribadeo durante o último mandato. Mesmo o deputado e concelleiro Daniel Vega insistiu en que se trata de compromisos moi concretos e cunha xestión previa. No BNG de Ribadeo, e cremos que a cidadanía ribadense, non acabamos de entender a que compromisos se refire Daniel Vega. Onde vai o orzamento necesario para levar a cabo a reforma integral do hospital asilo? Con tan pouco se conforma Daniel Vega que acepta como excepcional o que ten que ser a reacción ordinaria dunha consellaría: se se reforma unha residencia de maiores, haberá que buscar ubicación temporal alternativa mentres se produce esa reforma. ou acaso pretendía a Xunta renunciar a cumprir coas súas obrigas?.

Está claro que rehabilitación integral do Hospital Asilo vaina haber con ou sen colaboración económica da Xunta. Desde logo, o que si non podía faltar, por ter a obriga de facelo, é recolocar os usuarios e usuarias namentres se faga a reforma. Ese esforzo que ten que facer a Xunta non pode ser publicitado como o grande compromiso da Xunta con Ribadeo. É a obriga básica con Ribadeo ou calquera outro concello nas mesmas circunstancias.

Pero, para intentar enlear máis a situación, agora a Xunta reclama xa uns terreos para facer o novo centro de saúde. Mesmo días atrás, reclamaban unha cantidade de diñeiro por parte do Concello de Ribadeo para facer ese centro de saúde. A técnica da lura que solta a súa tinta para defenderse emborranchándoo todo. Non achegan diñerio para o Hospital Asilo, pero reclámanllo ao Concello para facer o Centro de Saúde que ten que construír a Xunta de Galicia.

A maiores, esixen xa uns terreos que, eles ben o saben, non se poden achegar sen antes rematar todo o proceso de modificación puntual do PXOM para que os terreos escollidos pola Xunta, de entre a quenda facilitada polo Concello de Ribadeo. Que a Xunta emita os seus informes, preceptivos, sobre a proposta de modificación puntual do PXOM aprobada polo Concello de Ribadeo para que poidamos seguir adiante e proceder á expropiación dos terreos para a construción do centro de Saúde. Por certo, señor Rueda: lembre que se comprometeu a dedicar 3,5 millóns de euros para dito centro de saúde. Querémolos ver, no papel, nos vindeiros orzamentos da Xunta. E tamén queremos que dito centro de saúde estea ben dotado do persoal necesario para atendelo debidamente. E mentres tanto, cubra as baixas do actual centro de saúde, e as vacacións, e as vacantes. Non vaia ser o demo que, de tanto soñar co novo centro de saúde, esquezamos que temos que atender en condicións o que aínda segue en pé.

Exit mobile version