Site icon Crónica3.com A Mariña

O Partido Popular de Mondoñedo defende a súa actuación en relación á obra de mellora da accesibilidade á Praza da Catedral

Mondoñedo, 20 de maio de 2023. Ante as constantes e crecentes críticas que ultimamente se están a difundir pola nosa cidade en relación á obra de mellora da accesibilidade á Praza da Catedral e, entendendo que non se basean en feitos reais, o Partido Popular de Mondoñedo quere pór en coñecemento público a realidade do sucedido.

Tendo en conta que a maioría das críticas proceden da contorna do PSOE, gustaríanos que este partido, sostén principal do actual Goberno de España, nos contestara a tres preguntas:

1ª.- Onde están os 195.000 euros que lles correspondían aos mindonienses procedentes dos fondos do 1,5% cultural para facer a obra de mellora na Praza da Catedral?

2ª.- Que xestións fixo o Grupo Municipal Socialista ante os seus compañeiros de partido no Goberno de España para que os 195.000 euros e os 23.000 euros de intereses derivados da devolución desta cantidade non se marcharan da nosa Praza da Catedral?

3º.- Ou o realmente importante para o PSOE de Mondoñedo é só o cartel de propaganda instalado no Campo dos Paxariños?

Os feitos certos son os seguintes:

1º.- O Partido Popular de Mondoñedo defende unanimemente a actuación do seu Grupo Municipal e considera que a súa actuación é a forma máis adecuada de afrontar a situación dada, que como demostraremos máis adiante non é a desexada nin a esperada, senón que é froito dunha discriminación inxustificable por parte do Goberno de España.

2º.- A orixe desta polémica dáse pola negativa do Goberno central de asumir a súa parte no incremento do custo da obra, derivado da suba de prezos que todos coñecemos e sufrimos dende fai máis dun ano. Dende o Goberno socialista de España negáronse a dar o diñeiro que correspondía ao tempo que pretendían que o Concello de Mondoñedo completara a obra tal e como estaba prevista en tempo e forma. Deste modo, o Concello tería que achegar 150.000 euros máis do previsto con fondos propios, cousa totalmente imposible

3º.- Ante a imposibilidade de acabar a obra, o Concello, de forma responsable e cumprindo coa súa obrigación, veuse obrigado a paralizar a mesma e rescindir o contrato coa empresa construtora.

4º.- A resposta do Goberno de España consistiu en reclamar o diñeiro que comprometera e adiantara para facer a obra (195.000 euros) e ademais a cantidade de 23.000 euros como supostos intereses por ese diñeiro durante o tempo que tivo en poder do Concello. É dicir, o Goberno de España non fixo a obra, non gastou un só euro e levouse 23.000 euros dos mindonienses, o que supón case 7 euros de cada mindoniense.

5º.- A interrupción da obra supuxo que unha moi pequena parte da Praza (uns 30m2) quedase valada e con pedras levantadas. Todos entendemos que ao ser un espazo tan sensible e visible, o efecto dun valado de obra non é o máis desexable para ese lugar, pero tamén debemos entender que o inesperado da situación non se pode afrontar responsablemente de maneira moi distinta.

6º.- A solución dada polo Goberno Municipal pasa por acometer a obra de maneira totalmente distinta. O esperado era investir os 65.000 euros que lle correspondería na obra orixinal e agora hai que acabar o iniciado só con fondos propios, dos que ademais hai que descontar os 23.000 euros que o Goberno de España levou de forma totalmente inxusta. Afortunadamente e grazas ás xestións de última hora realizadas polo Goberno Municipal ante a Xunta de Galicia, permítesenos contar cunha subvención de 30.000 euros para axudar a darlle unha solución a esta situación.

7º.- Os trámites para a nova obra levan meses facéndose, feito do que son conscientes e do que están totalmente informados os grupos políticos da oposición. Cousa distinta é que o PSOE e o BNG queiran recoñecelo e asumir que o sucedido non é culpa do Concello de Mondoñedo.

8º.- Unha vez finalizados os trámites da nova contratación, estando a moi poucos días do comezo da tempada alta de turismo e sendo conscientes do impacto que a obra pode ter nos próximos meses, decídese o comezo inmediato da mesma, feito que ocorre no día de hoxe.

9º.- Somos conscientes da gran cantidade de comentarios que despectivamente se fixeron tanto da obra como da situación de parálise da mesma e durante estes meses tratamos de informar a todas as persoas que se interesaron por coñecer a situación. Tamén somos conscientes de que existe quen non quere entender e quen está interesado en que non se coñeza a verdade. Para estas persoas, está a nosa máis absoluta indiferenza. O que realmente nos preocupa é que o interese pola desinformación estea por encima da verdade e do relato certo dos feitos.

10º.- Preocúpamos que especialmente o Grupo Municipal Socialista estea máis interesado en difundir loiadas (bulos) a través das redes sociais que en exercer o seu dereito de coñecer o estado da xestión dos expedientes municipais, aos que ten acceso, posto que forma parte dos seus dereitos e obrigacións como membros da corporación.

Exit mobile version