Site icon Crónica3.com A Mariña

O persoal de Urbaser Burela inicia o calendario de mobilizacións en demanda dun convenio digno

Burela, 10 de maio de 2023. O persoal do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Burela iniciou este mércores mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno. A protesta, realizada diante da Casa do Concello, repetirase mañá, xoves, previamente a unha nova xuntanza coa empresa. Pero de non producírense avances significativos, o persoal xa avanza que irá á folga a partir do 22 de maio.

A representación do persoal e Urbaser levan dende novembro pasado negociando un novo convenio colectivo que regule as condicións de traballo no servizo de limpeza viaria, recollida de lixo, xestión do punto e limpeza de praias do Concello de Burela. O convenio que rexía para esta actividade, explica Xosé Manuel Díaz, secretario comarcal da CIG-Servizos, decaeu en 2011 e dende entón o persoal está perdendo dereitos e os seus soldos están practicamente conxelados.

Porén, despois de varias reunións, as negociacións con Urbaser non avanzan e as posicións están afastadas. Diante deste bloqueo, a asemblea de persoal acordou convocar concentracións diarias ás 11h no Concello de Burela e ir á folga indefinida a partir do 22 de maio. Foi entón cando a empresa respondeu cunha nova proposta para seguir negociando, mais ampliando a vixencia do convenio, concentrando os incrementos nos últimos anos de vixencia e estabelecendo unhas cantidades “compensatorias” para os anos 2023 e 2024, sen concretar.

Esta proposta foi trasladada á asemblea de traballadores/as desta tarde, que decidiu trasladarlle á empresa unha contraproposta con cantidades concretas para esas compensacións e para os incrementos que corresponderían aos anos 25-26 e 27. A esta proposta Urbaser deberá dar resposta na xuntanza deste xoves.

Exit mobile version