A empresa, explica o secretario da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, Xoán Díaz, “di agora que ten ultimada unha proposta que entende que podería valer, pero que non se pode reunir até o mércores 24 pola tarde”. Diante disto, a parte social pediulle a Urbaser que remitira a proposta por correo electrónico para analizala e valorar se realmente pode servir para seguir negociando, “pero non nola queren enviar”.
Unha negativa, apunta Díaz, “que nos dá a entender que a oferta non é tan boa como din” e que non hai vontade real por parte da empresa para evitar o inicio da folga, despois de meses de negociacións infrutuosas e de levar á mesa propostas económicas de miseria.
Así as cousas, os traballadores e as traballadoras do servizos de limpeza viaria, recollida de lixo, xestión do punto e limpeza de praias de Burela volveranse concentrar o vindeiro luns 22 de maio, de 11 a 12:30h, diante da Casa Consistorial e, de non producírense movementos previos por parte da empresa, o martes iniciarase a folga.
Hai que lembrar que o convenio que regulaba as condicións deste colectivo decaeu en 2011 e dende entón o persoal ten practicamente conxelados os seus salarios, pois as únicas subas que tiveron foron as obrigadas polo incremento do SMI “e estas non cobren nin de lonxe os actuais custes de vida nun momento ademais de inflación disparada”.
Pero ademais, a falta dun convenio de referencia provoca un baleiro legal e que nestes momentos haxa traballadores/as de primeira e de segunda, no sentido de que mentres o persoal subrogado de anteriores empresas conserva os dereitos recoñecidos nese convenio, o persoal con menos antigüidade ten os dereitos mínimos recollidos no Estatuto das persoas traballadoras.