Site icon Crónica3.com A Mariña

O SLG esixe transparencia e información sobre os novos 75 polígonos industriais eólicos anunciados por Rueda

As súas DIAs foron aprobadas, tamén todas de golpe e condicionadas polos prazos administrativos, o pasado xaneiro

Compostela, 9 de Maio 2022. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) esiximos á Xunta de Galicia que aporte información ao respecto da aprobación en masa de 75 novos polígonos industriais eólicos anunciada polo Presidente Alfonso Rueda o pasado 26 de abril.

Ao igual que aconteceu ca aprobación de 77 Declaracións de Impacto Ambiental (DIAs) a principios de ano -das cales 75 corresponden aos recentemente anunciados-, tamén estes proxectos foron aprobados nun tempo récord por parte da administración, nunha sorte de tramitación exprés que verte moitas dúbidas sobre as garantías técnicas que deberan ser respectadas nestes procedementos.

Este cuestionamento faise extensivo tamén ao xeito no que a Administración pública está a trasladar estes datos, sendo chamativo o emprego dos medios de comunicación en lugar do Diario Oficial de Galicia (DOG) para dar a coñecer esta información, a cal, dúas semanas máis tarde, non foi concretada en ningún tipo de publicación oficial por parte da Xunta de Galicia.

A incertidume desatada co anuncio de Rueda provocou un aumento da angustia e preocupación entre as persoas afectadas por estes proxectos -moitas delas organizadas en plataformas para expresar a súa oposición aos mesmos-, que viven dende entón ca tensión de confirmar se as súas terras van ser expropiadas, a súa contorna destrozada e as súas propiedades desvalorizadas e, unha vez confirmada esta intención por Xunta de Galicia e do oligopolio enerxético, activar tódalas ferramentas xudiciais e de denuncia posíbel para defender as súas aldeas.

Dende o SLG-CCLL esiximos á Administración galega que aclare con que cantidade e tipo de medios humanos e tecnolóxicos foron levados a cabo os estudos das 77 DIAs aprobadas en xaneiro, así como dos 75 polígonos anunciados a finais de abril, e reiteramos a urxencia de activar unha moratoria eólica inmediata en toda Galiza.

Exit mobile version