Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Foz apostan por un concello verde e sostible

Foz, 11 de maio, 2023. A plantación de máis de 200 árbores intercalando zonas soleadas con zonas de sombra será unha das apostas máis importantes para o coidado do entorno e a mellora do benestar.

O PSdeG-PSOE de Foz quere afondar no coidado do Medio Ambiente. Por iso, ademais dunha recollida máis eficiente do lixo e a aposta pola concienciación cidadá no coidado do entorno mediante diversas campañas, o actual alcalde e candidato Fran Cajoto marca como obxectivo a creación de zonas de sombra, que inviten aos veciños ao descanso: “A nosa aposta pola natureza é clara e evidente, non podemos afastala dos cidadáns. Hai catro anos partiamos dunha situación insólita: estaba prohibido almorzar nos xardíns do Campo de Ramos, na Rapadoira, e había rúas onde as árbores foran eliminadas por completo como en Xoán Montes, no centro da vila. Superamos esa situación, pero non é suficiente.

Debemos avanzar cara un pobo máis limpo, máis sostible”. No coidado do entorno xoga un papel clave e fundamental a nova depuradora de Foz, contratada por Augas de Galicia, que leva un importante retraso e tamén a ampliación da rede de saneamento, como se fixo en Mañente, para o que se buscará o apoio doutras administracións. Outra liña de actuación é a eliminación de fugas da rede de abastecemento, para o cal se debe avanzar na substitución da vella rede de fibrocemento como se fixo na Barrosa en Nois, na estrada a Mañente en Vilaronte, en Alemparte en Cangas ou na rúa Eduardo Pondal, así como en obras de envergadura como na urbanización da rúa Costa do Castro. “A auga é un recurso básico e escaso, por iso parécenos fundamental dentro do plan de reservas hídricas optimizar o seu uso. Coidar da natureza e do noso entorno, que cada vez poñemos máis preto dos nosos veciños con sendas peonís que se integran na paisaxe. A recuperación de vellos camiños e novas sendas como Peizás – Pampillosa ou o mirador da Tamaniña son o eixo fundamental do Foz que queremos conseguir”- remata Fran Cajoto

Exit mobile version