Site icon Crónica3.com A Mariña

“Por Nuestro Faro e os espontáneos”, por Covadonga Suárez

Por Nuestro Faro cumpre esta semana 8 anos de existencia, tantos como o uso e explotación exclusivas da illa Pancha. Foi este quizás o proceso de privatización máis opaco da historia recente de Ribadeo, en canto á tramitación do proxecto e á difusión da información.

Desde a nosa asociación temos a impresión de ter exercido noso traballo sempre a contracorrente desas institucións que nos debían transparencia pero que actuaban seguindo patróns propios, sen dar contas de nada, moi lonxe do talante democrático e participativo que se esperaba ante a xestión dun patrimonio común tan emblemático como a illa Pancha.

Pero non só tivemos que loitar cada miguiña de información conseguida de Portos ou do Concello de Ribadeo, recorrendo mesmo á Valedora do Pobo para que intervise ante o silencio consistorial, senón porque as institucións teñen movido montañas dende o seu poder para levar a cabo a privatización do espazo natural máis representativo e preservado de Ribadeo. E a calquera prezo.

Todo comezou en 2015 co levantamento da lei que prohibía o uso hostaleiro dos faros, por parte do goberno de Rajoy, en Madrid. En aquel entón o único proxecto que tería en conta para instalar un hotel no faro da illa Pancha de Ribadeo xa estaba preparado de antemano e só faltaba esperar a que Madrid cambiase as leis. E así foi, a concesión deuse de inmediato baixo o manto da Autoridad Portuaria e o aplauso público do alcalde de Ribadeo. A nosa asociación viu que era tan doado lanzar o patrimonio ás mans privadas como cerralo ó público dando a mínima información. As montañas institucionais seguiron movéndose ata desdobrar o proxecto inicial en hotel e cafetería esquivando así o estudo preceptivo de impacto medioambiental que se exigía ao conxunto do proxecto: coa excusa de que o hotel non incluía ningunha obra exterior os apartamentos podían ir funcionando ata a aprobación (no concello e a porta cerrada) da licenza de actividade da cafetería. De nada serviron as leis españolas e europeas destinadas a protexer unha zona que pertence á Red Natura 2000, ou os informes obtidos do Defensor del Pueblo declarando a falta de estudo de impacto medioambiental. Aquí a complicidade Puertos-Concello ó servizo desa privatización foi máis forte que a nosa alegación, que, coas leis na man e o apoio do Defensor del Pueblo, foi calificada de incongruente por parte do Concello de Ribadeo.

Por outro lado, a illa estivo cerrada durante 7 anos. Por iso na asociación nos quedamos tan estrañados cando vimos rotar a relación Puertos-Concello e o alcalde decidiu levarse por delante a porta que ignorara voluntariamente todo aquel tempo, así como tantos dos nosos escritos reclamando a súa apertura. Pero tampouco hubo resposta a moitos outros: sin ir máis lonxe, o último, de xaneiro de 2023, pedíndolle ao señor alcalde que comezase as xestións para que o faro sexa declarado BIC en base aos seus forxados de Sargadelos. Parece que a propiedade privada non se toca.

Pero volvendo ao tema do acceso, onde estaban Portos e Concello cando denunciamos ante a fiscalía en xuño de 2019 que a porta da illa estaba pechada, a pesar de que a licenza que o mesmo alcalde outorgara en decembro de 2017 esixía o acceso. libre? Aínda que a fiscalía nos deu a razón, a porta seguiu pechada. Tamén neste último ano recorremos ao grupo parlamentario do BNG para pedir en Ribadeo o mesmo apoio que daban á Illa da Creba, para que fose público e de libre acceso.

Aledámonos de que Portos dixera o verán pasado que a porta da illa permanecerá aberta durante o día. A súa espontaneidade despois de 7 anos resulta refrescante. Así como o alcalde, que no último ano se puxo a vixiar o acceso cunha vehemencia inusitada.

Non sabemos que aire removemos ou cuál foi a nota que soou de pronto, pero todo o que queda por saber e por facer (fosa séptica sen legalizar, estudo de impacto medioambiental inexistente, etc.) lévanos a seguir adiante, por ética e por coherencia, co mesmo empeño que todos estes anos.

Non nos engañemos, ninguén é un virtuoso por tocar unha tecla nun piano un día, despois de 7 anos. Se acaso, un espontáneo. Por iso, queremos dar as grazas aos que nos acompañaron e nos acompañan nesta loita de fondo pola protección real do noso patrimonio e contra o que segue sendo a privatización da nosa terra. Aínda que non teña porta.

Covadonga Suárez, presidenta da AVV Por Nuestro Faro

Exit mobile version