Site icon Crónica3.com A Mariña

Suárez critica a falta de apoio da Xunta en materia sanitaria e de servizos sociais, tras concertar o Concello un préstamo de 900.000€ para acometer as obras do Hospital Asilo

Ribadeo, 10 de maio de 2023. O alcalde, Fernando Suárez, critica a falta de apoio da Xunta en materia sanitaria e de servizos sociais. O Concello concertou onte mesmo un préstamo de 900.000 euros para sumarllos á herdanza do doutor Francisco Moreda e así afrontar as obras de modernización do Hospital Asilo. O rexedor acusa “a esa xente que quere levar o timón de Ribadeo” de desprezar á veciñanza e de tratala como se fosen veciñas e veciños de segunda. Suárez Barcia lembra que a Xunta non deu nin un so euro para a nova residencia de maiores ao igual que está a facer agora co Hospital Asilo.

Suárez Barcia declarou: “como se nota que están as eleccións á volta da esquina. Pero agora non é tempo de predicar. Agora é tempo de render contas. E as contas están claras. Vexo que anda dicindo este compañeiro de oposición que o Concello non aporta os terreos do centro de saúde. Alguén que se chufa moito de ser deputado debera ser un pouco mais instruído en asuntos básicos. Os terreos que o Concello se comprometeu a expropiar para dárllelos á Xunta requiren a modificación previa do Plan Xeral. Precisamente nestes días está en exposición pública o proxecto de modificación, despois de que o aprobara o Pleno”.

O alcalde ribadense manifestou: “as cousas complexas levan o seu tempo e os seus prazos, se non se quere que todo sexa unha zarapallada. Entrementres debería dicirlle á Consellaría de Sanidade que reforce os ratios de médicos e de mellora da atención primaria”.

O rexedor dixo esta mañá: “pero o que vemos imperdoable é a actitude da Xunta con Ribadeo en materia de servizos sociais unha vez mais. Fixemos unha residencia nova hai varios anos e non deron un peso. Non deron mais que mareos e dores de cabeza”.

Fernando Suárez subliñou que “agora imos renovar outra, e non deron un peso. Onte mesmo acabamos de concertar un préstamo por 900.000 euros para sumarllos á herdanza de Francisco Moreda para poder financiar as obras de 1.600.000€ que custa modernizar o hospital asilo. E logo de todas as palabras, as promesas, os esbardalles, despois de todo…. pois nada. Nada de nada. Isto si que é unha humillación para Ribadeo. E esta xente quere levar o timón de Ribadeo desprezando así aos veciños e ás veciñas de Ribadeo como se fosen veciños de segunda. Están amañados”.

E reiterou que “con todo, e como sempre dixemos, os que estivemos e estamos hoxe e os que continuarán mañá…..Ribadeo terá dúas residencias públicas, para os de aquí e a prezos asumibles, con ou sen apoio da Xunta”.

Exit mobile version