Site icon Crónica3.com A Mariña

Via Alfoz presentou a candidatura para ás eleccións do 28 de maio

A nova candidatura de Via Alfoz, que conta con seis caras novas, foi presentada esta semana nun concorrido evento celebrado en Finca Galea

Alfoz, 8 de maio, 2023. A nova candidatura coa que VIA Alfoz se presentará ás eleccións locais do vindeiro 28 de maio, foi presentada esta semana nun concorrido acto celebrado en Finca Galea, Alfoz. Antes da presentación dos membros da candidatura, interviron Efigenia Maseda, candidata á alcaldía, ademais de Eliseo Lorenzo, Judit Casabella e Xabier Pardiñas.

Na súa intervención, Efigenia Maseda repasou os aspectos a mellorar no Concello Alfoz incluídos no proxecto co que VIA Alfoz se presenta ás vindeiras eleccións, recordando “a xente nova cos seus problemas, principalmente de vivenda e emprego, os que xa teñen traballo pero agardan a que alguén os apoie, ao igual que as empresas, o turismo, a educación, os nosos maiores que tras unha vida de traballos ben teñen merecido o seu coidado”. Tamén tivo tempo para repasar aspectos relacionados co turismo, demandando a mellora “da imaxe urbana e rural que se ofrece ao visitante que se achega ao noso concello” degradada pola falta de mantemento. Tivo tamén palabras para a cultura, facendo mención especial a un Mercado Medieval que esmorece, “o Mercado Medieval está morto, pero non enterrado, debemos recuperalo”. Ademais, a alcaldable engadiu que “este proxecto é un proxecto de equipo, xa que non depende so da candidata senón que nel están implicados todos e cada un dos membros  de VIA Alfoz e abandeirando o slogan: elixo mellorar Alfoz.”

Pola súa parte, Eliseo Lorenzo, indicou que “a finais deste mes temos unhas novas eleccións que se converten en chave para darlle a volta á situación actual. Chegou o momento de darlle a Alfoz o impulso que precisa”. Ademais, destacou que “temos a ansia de poñer en práctica as iniciativas que Alfoz necesita para o asentamento de poboación. Tamén aumentar e potenciar servizos existentes no concello como a escola infantil, os centros de infantil, primaria e ESO, a vivenda comunitaria e, por suposto, o apoio ás asociacións….”. O actual concelleiro e número dous da candidatura, rematou a súa intervención facendo mención á candidata á alcaldía, “presentámonos a estas eleccións con ganas de traballar por Alfoz, cunha candidata sobradamente formada, que coñece moi ben o noso concello, porque xa traballou nel, e estes dous anos estivo como voceira do noso partido demostrando a valía de VIA para gobernar.”

Representando as novas incorporacións, tomou tamén a palabra Judit Casabella, número tres da candidatura, quen destacou que “aínda que a política me gusta e decepciona a partes iguais, volvo principalmente por este proxecto veciñal, xusto e honesto, nun equipo con grandes profesionais, humildes e comprometidos, sen prexuízos, dos que sinto un profundo respecto e admiración. Os cales  non seguen directrices de partidos políticos que están moi afastados da realidade municipal”.

Xabier Pardiñas, que foi o encargado de presentar aos candidatos, indicou que “o feito de que exista esta lista, permite que haxa unha alternativa aos grandes partidos. Unha alternativa formada por xente que non se debe a ningún partido. Xente que unicamente se debe aos veciños e veciñas de Alfoz”, neste sentido recordou que VIA é unha candidatura que non segue ordes de partido, “que soamente segue as vosas ordes, que escoita as vosas necesidades, as vosas inquedanzas, todo o que necesitades pode canalizarse libremente a través de VIA Alfoz”. Pardiñas, que ocupará o cuarto posto da candidatura, foi tamén crítico cos bulos e as mentiras interesadas que aparecen, como cada campaña, e que sempre veñen dos mesmos lados, “este bulos e mentiras van dirixidas a VIA, e tamén a min en particular”, engadindo que “creo que non teño que pedir desculpas por ter éxito no meu traballo”, palabras que provocaron o aplauso dos asistentes.

A candidatura está formada polos seguintes compoñentes:

1. Efigenia Maseda Paz
2. Eliseo Lorenzo García
3. Judit Casabella Pardeiro
4. Xabier Pardiñas Suárez
5. Susana Díaz Gil
6. María Fernánda Casabella Méndez
7. Pedro Luís Fernández Expósito
8. Iria Braña López
9. José Luís Cascudo Cascudo
10. Carmen Dolores Geada Maseda
11. María José Prado Fernández
12. Yahel Rodríguez Rubal
13. Francisco José Fernandez Fraga
14. Pablo José Maseda Rubal
15. Borja Vizoso Cora
16. Jordi Melián Pagés

Exit mobile version