Site icon Crónica3.com A Mariña

A 10ª Festa Castrexa inspírase nun “X” do Torques de Burela

A conta atrás para a “X Festa Castrexa” remata e en Burela xa se ultiman detalles para celebrar este sábado a décima edición da Festa Castrexa, comezando a noite do venres co San Xoán Castrexo

Burela, 21 de xuño, 2023. Este sábado 24 de xuño terá lugar a celebración da “X Festa Castrexa”, que organiza un ano máis a Asociación Burela Castrexa mantendo as principais actividades que forman parte da festa: Mercado Castrexo desde o venres a mediodía, Xogos Castrexos na praia pola mañá, Busca do Torques pola tarde e Vodas Castrexas pola noite, acompañadas por diferentes espectáculos de música e lume. Este ano recupérase ademais o Desfile de Clans, que levará ás diferentes familias castrexas desde a praia de Portelo ata a Praza do Concello o sábado a mediodía.

Como principal reclamo na cartelería deste ano destaca un enorme “X” marcado con lume sobre unha imaxe real do Torques de Burela, cedida polo Museo Provincial de Lugo, que reflexa precisamente unha “X” que ten unha orixe descoñecida. Esa marca “X” ten unha importancia especial porque é a única dese estilo atopada nun torques castrexo:

Aparece neste torques unha marca situada no reverso central da variña con forma de aspa ou cruz. Ás veces as marcas estampadas ou cinceladas no aro poden ser “marcas de propietario” antigas. Estes signos aparecen tamén en torques celtibéricos como no Tesouro de Arrabalde I, interpretados así mesmo como marcas de fabricación, propiedade ou signos de valor económico premonetal. Extracto do libro de Aurelia Balseiro García: “O Torques de Burela: a xoia do noso patrimonio”, editado polo Concello de Burela en 2013.

Deixando marxe á creatividade, o cartel mistura esa marca co décimo número romano “X”, de forma que a xuntanza das dúas simboloxías sirve para conmemorar esta décima edición da Festa Castrexa, que se celebrou por primeira vez en xullo de 2012 pero tivo o parón dos anos 2020 e 2021 pola pandemia.

Seguindo coa simboloxía do cartel, o título desta edición é o nome “BVRELLVM”, en referencia a algunha das teorías sobre a orixe histórica do nome da vila: “A etimoloxía de “Burela” posiblemente deriva de (villa) Burella, indicando a súa situación próxima ao río Burellum, citado nun documento de 1096. En canto ao topónimo Burellum, estudiosos como E. Bascuas o derivan da raíz indoeuropea *bher- ‘hervir’, frecuente na hidronimia europea…”. (https://es.wikipedia.org/wiki/Burela)

Exit mobile version