Os traballos arrancaron esta semana na LU-P-1906 que une os núcleos de Pedrafitelas con Os Cangos pasando por Vilares, e contan cun investimento da institución provincial de máis de 46.000€
Concretamente, actuarase no tramo que vai do punto quilométrico 1,544 ao 1,894. A empresa Construcciones Carballeira SL é a encargada de realizar estes traballos que comezaron esta mesma semana co corremento de terras necesario para levar a cabo as posteriores tarefas de drenaxe e a execución de cunetas rebasables formigonadas dun metro de ancho e 10 centímetros de profundidade, o que mellorará a capacidade de evacuación das augas pluviais permitindo unha maior rapidez de desaugue e aumentando a seguridade no tránsito. A actuación completarase coa pavimentación da calzada neste tramo da vía, e está previsto que finalice nas vindeiras semanas.
Esta é unha vía moi empregada pola veciñanza dos concellos de Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, pero tamén por persoas que se achegan á zona de montaña dende A Terra Chá. Ademais, empresas forestais empregan habitualmente esta vía para transportar madeira.
A institución provincial enmarca estas actuacións na liña de traballo levada a cabo para a mellora da rede viaria provincial máis extensa de toda España, que conta con máis de 4.000 quilómetros.