Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta lanzará por 4,5M€ unha nova convocatoria do programa de axudas InnovaPeme

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Palas de Rei as instalacións de Granja Campomayor, beneficiaria desta iniciativa e un exemplo “de como a través da innovación e o deseño se pode mellorar a competitividade e gañar mercado”

Palas de Rei (Lugo), 2 de xuño de 2023.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Palas de Rei as instalacións de Granja Campomayor, apuntando que se trata dun exemplo “de como a través da innovación e o deseño se pode mellorar a competitividade e gañar mercado”.

A compañía foi unha das beneficiarias do programa InnovaPeme, que tal e como sinalou Conde, permite que as pequenas e medianas empresas poidan “afrontar os retos da transformación industrial”. A Xunta de Galicia lanzará proximamente unha nova convocatoria desta iniciativa por 4,5 millóns de euros, integrando o programa DeseñaPeme, e co obxectivo principal de axudar ao tecido empresarial a incorporar a I+D+i e o deseño nos seus procesos produtivos.

Granja Campomayor, que conta co selo de Galicia Calidade, é unha empresa familiar de cuarta xeración. Segundo resaltou o vicepresidente económico da Xunta de Galicia, trátase dunha compañía “con vocación innovadora desde o rural, que está mellorando os seus procesos e produtos e buscando novos formatos para poder ofrecer aos clientes” para que “poida haber un impacto desde o punto de vista da comercialización tanto no eido nacional como no internacional, onde está gañando mercado”.

Exit mobile version