Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta publica a resolución das axudas para embelecemento do litoral, que achegan 286.000 euros a sete concellos da Mariña

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a Axencia de Turismo de Galicia apoia actuacións en Xove, O Vicedo, Cervo, Ribadeo, Burela, Viveiro e Foz

Lugo, 20 de xuño de 2023. A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da orde de axudas a entidades locais para financiar actuacións de embelecemento do litoral, que benefician a sete concellos mariñáns con achegas por importe global de 286.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que esta convocatoria da Axencia de Turismo de Galicia vai dirixida á rehabilitación de espazos singulares, a levar a cabo accións que contribúan a unha mellora da integración coa paisaxe, á mellora da fachada turística e a corrixir impactos paisaxísticos en zonas costeiras.

Así, a Administración autonómica apoia cadanseu proxecto en Xove – a creación dunha ruta litoral desde a praia de Esteiro a enseada de Muiñelo; e de punta Meitón a punta da Mansa -; Ribadeo -elaboración dunha guía interactiva do Centro de Interpretación Forte de San Damián -; Burela -desenvolvemento da presenza web do concello -; Viveiro -proxecto Viveiro en dixital – e Foz – pasarela na praia da Rapadoira -.

Tamén se financiarán tres actuacións promovidas polo Concello do Vicedo – mellora no sendeiro da costa para fomentar a biodiversidade; dotación de pantallas dixitais na casa da cultura, oficina de turismo e casa consistorial; así como mellorar a accesibilidade da praia de Xilloi-; e dúas en Cervo – integración paisaxística, acondicionamento e adecuación á paisaxe da parcela contigua ao Museo do Mar; ademais de adquisición e instalación de pantallas interactivas para a dixitalización de recursos con potencial turístico -.

Nestas axudas a concellos o orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, transición dixital e transición accesible e inclusiva. Concellos como O Vicedo e Cervo perciben achegas para máis dun proxecto correspondente a diferentes liñas.

Exit mobile version