Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta publica unha guía para compatibilizar o desenvolvemento de parques industriais coa creación de espazos públicos respectuosos coa paisaxe

Esta guía foi elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio coa colaboración do Instituto Galego da Vivenda e Solo e da Federación Galega de Áreas Empresariais

Lugo, 2 de xuño de 2023. A Xunta de Galicia vén de publicar a Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das áreas empresarias, que, segundo dixo hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ten como obxectivo ofrecer unha serie de pautas para compatibilizar o desenvolvemento de parques industriais coa creación de espazos públicos respectuosos coa paisaxe.

Durante a presentación desta guía no parque empresarial das Gándaras, en Lugo, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de compaxinar as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento das actividades económicas coa creación de espazos afables e integrados na paisaxe. Para acadar este obxectivo, este manual analiza os impactos paisaxísticos que se producen nas áreas industriais e, ademais, propón medidas e solucións para melloralos.

Deste xeito, tal e como explicou a conselleira, é fundamental ter en conta a repercusión destes espazos industriais no medio ambiente e abordar cuestións como, por exemplo, a mellora da calidade do aire ou a redución da demanda enerxética. A toma en consideración destes aspectos suporá, segundo incidiu Ángeles Vázquez, un “sinal de calidade e identidade para o propio parque empresarial”.

Máis polo miúdo, a guía presentada hoxe fai fincapé en aspectos como o deseño xeral do polígono industrial, a integración na contorna na que se localiza, a adaptación á topografía, o coidado da imaxe dos accesos, a creación de espazos de reunión como áreas de descanso, paseos peonís ou carrís bici ou a harmonización de materiais e cores. A maiores, tamén inclúe un capítulo dedicado á elaboración de proxectos de conservación para mellorar a integración paisaxística das áreas empresariais existentes e para prever o axeitado mantemento das novas.

Cómpre salientar que esta guía, que se inclúe na Colección Paisaxe Galega, foi elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) coa colaboración do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da Federación Galega de Áreas Empresariais.

Exit mobile version