Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta saca a licitación a primeira fase da dragaxe plurianual de Ribadeo por 2,4 millóns de euros

Os traballos inclúen unha actuación inicial e outras tres de mantemento en exercicios posteriores e afectan tanto á canle de acceso ao porto como ao peirao de Mirasol e á dársena pesqueira

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2023. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciou o procedemento de licitación das obras da primeira fase da dragaxe da canle de acceso ao porto de Ribadeo, do peirao de Mirasol e da dársena pesqueira. Esta actuación plurianual sae a concurso cun orzamento base de 2,4 millóns de euros.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web de Portos de Galicia (www.portosdegalicia.gal). Os licitadores teñen de prazo ata o día 19 de xuño para presentar as súas ofertas.

O obxectivo desta actuación pasa por manter a operatividade e seguridade do porto, sometido a unha intensa actividade sedimentaria que produce a redución de calado en varias zonas do mesmo. Para esta fin proxéctase unha dragaxe plurianual consistente nunha actuación inicial e tres máis de mantemento en exercicios posteriores.

Nesta primeira fase dragaranse preto de 10.000 metros cúbicos de áridos na canle de acceso ao porto, ata acadar a cota -5, case 140.000 metros cúbicos na dársena pesqueira, ata a cota -2, e máis de 15.500 metros cúbicos no peirao de Mirasol. Parte dos áridos extraídos durante os traballos serán depositados na praia de San Miguel de Reinante.

Exit mobile version