Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ameazas de baixada, incumprimento da Lei da Cadea e a Consellaría do Medio Rural desaparecida”, denuncia o SLG

Compostela, 28 de Xuño 2023. Nestes días están chegando ás granxas propostas de prezo con baixadas importantes respecto ao que se está a cobrar nestes momentos. Unha vez máis, a estratexia da industria é engordar os seus beneficios a costa de estrangular o elo máis desprotexido da cadea: as granxas, ao tempo que os produtos lácteos seguen a manter os seus prezos de venda.

De feito, estamos a comprobar que, independentemente do produto que transformen ou do segmento de mercado diferente no que traballen, o que hai é unha baixada orquestrada dos prezos por parte das empresas: todas as industrias que recollen leite en Galiza están entregando ás gandeiras e aos gandeiros contratos á baixa.

A media é duns tres céntimos menos, pero se ademais observamos pormenorizadamente, atopámonos con que no caso de Reny Picot xa non hai ofertas, pasa directamente a asinar contratos con prezos de 44 céntimos para os próximos dous meses. A Nestlé está ofrecendo contratos a un ano con prezos a baixa, e a primavera do 2024 chega a 38 céntimos (a media anual queda en 41,42 céntimos). Lactalis oferta o 75% do leite a un prezo de 47 céntimos e o 25% restante en función do prezo medio do leite enteiro en pó. Celta presenta ofertas a 45 céntimos, e Lence ofrece contrato a un ano a 42,7 céntimos.

Estas amezas de baixada prodúcense nun momento no que os custos de produción mantéñense altos, sen que de momento se noten baixas importantes en insumos principais como a alimentación, e nalgunhas zonas a seca condiciona que os custos sigan a ser un tema preocupante. Ademais, estas baixadas teñen lugar nun contexto xa de por si discriminatorio con respecto ás granxas galegas. Malia que Galiza segue a ser o principal produtor de leite a nivel estatal, e ao descenso de produción que está a marcar este último ano, segundo os últimos datos publicados (abril), no noso país as industrias pagan o litro de leite a 53,33ct/l., moi lonxe dos 56ct/l. que perciben as granxas do resto do Estado.

Como levamos anos reivindicando dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), ao igual que en todos os eidos profesionais, para garantir a viabilidade das granxas e o futuro do sector, os prezos do leite non só teñen que cubrir custos, senón tamén remunerar o traballo das gandeiras e gandeiros, que como calquera persoa traballadora viven dos seus salarios.

Canda estas dificultades, cada vez estamos vemos máis incumprimentos da Lei da Cadea: empresas que tratan de impoñer unilateralmente prezos abusivos mesmo por debaixo de custos de produción, empresas que non fan as ofertas en prazo que indica a Lei, contratos a curto prazo…

A Xunta, lonxe de cumprir ca súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei, vai na contra do obxectivo propio da mesma, introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria. É o caso, por exemplo, da Inleit, que incumpriu os contratos asinados coa xente gandeira e agora a Xunta aínda vai premiala con axudas públicas.

Na mesma liña de actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas, a Xunta failles un grande favor incumprindo o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción, dificultando o cálculo dun prezo final por litro que cubra custos e remunere o traballo.

Ademais, noutra orde de amezas para a supervivencia do sector, nos últimos tempos estase a falar novamente da entrada de leite e derivados lácteos de fóra, sen que a Administración sexa transparente e aclare esta situación, nin tome medidas ao respecto.

Logo de décadas denunciando a posición de superioridade ca que as industrias lácteas impoñen o prezo ás granxas, cas que negocian de unha en unha, a Xunta segue sen proporcionar as ferramentas e escenario axeitado para poder desenvovolver unha estratexia de negociación colectiva, como está perfectamente normalizado na práctica totalidade dos sectores laborais.

Deste xeito, as industrias están a impor unilateralmente os prezos que lles peta. Ás organizacións de produtores lácteos (OPL), en Galicia ULEGA, que periodicamente reciben grandes cantidades de diñeiro público e que en teoría son as que poden negociar os prezos, non se lles coñece ningunha actividade.

Até o dagora, nas puntuais ocasións nas que houbo subas de prezos do leite, ao conselleiro faltoulle o tempo para saír de contado afirmando que era mérito do traballo da Consellaría. Agora, na lamentablemente reiterada situación na que as coaccións na negociación de prezos á baixa, a entrada de leite de fóra e os flagrantes incumprimentos da Lei da Cadea condicionan o escenario a favor das Industrias, o Conselleiro e a Xunta están desaparecidos, mentras a sangría de peche de granxas de leite continúa agravándose: das 6.251 que había fai un ano, xa só quedamos 5.892.

O que necesita o sector é transparencia e unha Administración que pare as baixadas de prezo e cumpra ca súa responsabilidade de facer respectar a Lei da Cadea. A arbitrariedade da Consellería e os intereses partidistas pouco benefician ao sector, nin á parte produtora nin a industrial. Como xa temos dito, o que compromete o futuro do sector lácteo son as prácticas abusivas das industrias toleradas polas institucións.

Así as cousas, semella que as industrias que recollen o leite neste País mandan as ofertas para saber como respira o sector, xa que é obvio que motivos obxectivos para esta baixada non hai, polo que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas vailles contestar que as nosas afiliadas e afiliados din non a estas ofertas e contratos, e que daremos inicio á organización de novas mobilizacións, na liña das xa realizadas para sinalar diante das persoas consumidoras cales son as industrias que se están a enriquecer á costa tanto delas como das nosas granxas.

Exit mobile version