Site icon Crónica3.com A Mariña

Despedida á congregación de Marta e María, que estivo a xestionar desde hai 21 anos o Hospital Asilo de Ribadeo

Ribadeo, 8 de xuño de 2023. No salón de plenos do Concello tivo lugar o acto de despedida á congregación de Marta e María, que estivo a xestionar desde hai 21 anos o hospital asilo de Ribadeo. Xunto ás relixiosas estiveron este mediodía o alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire.

O rexedor destacou o traballo realizado ao longo destes anos á fronte do hospital asilo por esta congregación, lembrou o apoio mutuo que sempre se tiveron e agradeceu no nome do equipo de goberno, da Corporación Municipal e da veciñanza de Ribadeo a labor prestada ao longo destes 21 anos, xa que primeiro foi asinado un convenio de dez anos, que logo se prorrogou por outros dez e “agora cumpriron quedándose ata o final, ata que comezase o traslado das usuarias e dos usuarios do hospital asilo a outras residencias próximas, por mor do inicio das obras de mellora destas instalacións”.

Suárez Barcia subliñou que “a situación queda encarreirada para que Ribadeo conte con dúas residencias para persoas maiores, de calidade e de proximidade”, aínda que nin as relixiosas da congregación de Marta e María nin o alcalde estarán á fronte do hospital asilo e do Concello para seguir de preto a evolución dese proxecto e para asistir ao seu remate. O rexedor tivo unha mención especial para a Madre Noelia: “fixemos un bo tándem, un pouco singular, pero que me quedará para o resto da miña vida”.

Madre Flor e Madre Noelia tamén tomaron a palabra para agradecerlle ao alcalde, Fernando Suárez, o seu apoio así como ás familias das e dos residentes aos que atenderon ao longo destes 21 anos. Destacaron a acollida que sempre lles brindaron e marchan cunha moi boa lembranza de Ribadeo.

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais fixéronlles entrega dunha figura de cerámica, réplica do Faro da Illa Pancha, en agradecemento por estes anos de traballo no hospital asilo de Ribadeo.

Exit mobile version