Site icon Crónica3.com A Mariña

Efrén Castro, Iria Castro e Daniel García tomaron posesión como deputados do BNG na Deputación

Efrén Castro asume a Vicepresidencia da institución

Lugo, 30 de xuño de 2023. Efrén Castro, Iria Castro e Daniel García tomaron posesión como deputada e deputados do BNG na Deputación de Lugo no pleno celebrado este mediodía no Pazo de San Marcos, no que foi investido como presidente José Tomé Roca.

O BNG formará parte do goberno provincial durante os vindeiros catro anos, dando estabilidade á institución e continuidade ao traballo que veu desenvolvendo no último mandato.

Iria Castro, concelleira do BNG en Castroverde, e Daniel García, concelleiro do BNG en Barreiros, estréanse na corporación provincial. Efrén Castro, concelleiro en Sarria, repite como deputado por segundo mandato, asumindo a Vicepresidencia da Deputación.

O deputado sarriao confirmou o acordo co PSOE para renovar o goberno de coalición e “seguir traballando desde agora mesmo polos intereses das veciñas e veciños das comarcas de Lugo” e “garantir institucións progresistas que freen as políticas de dereitas”.

Á entrada ao pleno, Efrén Castro dixo asumir “a Vicepresidencia con ilusión e responsabilidade por darlle o relevo a unha persoa á que teño moito aprecio e que fixo un traballo tan bó como Maite Ferreiro e representar ao BNG e a esta institución nun cargo coma este”.

Maite Ferreiro asistíu ao Pleno de investidura, no que tamén estiveron presentes as alcaldesas de Barreiros e Samos, Ana Ermida e Chus López, entre outras representantes institucionais e orgánicos do BNG.

Exit mobile version