Site icon Crónica3.com A Mariña

Exitosa degustación de bonito de Burela este sábado na 45 Feira Internacional Semana Verde de Galicia

Burela, 10 de xuño de 2023. Exitosa degustación de bonito este mediodía na 45 Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que se desenvolve en Silleda do 8 ao 11 de xuño. Ata alí se desprazou este sábado o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor contou que “fixemos promoción da Feira do Bonito, que terá lugar en Burela a primeira fin de semana do mes agosto. E houbo unha degustación, que correu a cargo de Ledicia. Os que alí se achegaron puideron probar o bonito en salpicón e tamén en empanada”.

Alfredo Llano convidou “á xente de Silleda e á que estes días visita a Semana Verde a que se acheguen á nosa Feira do Bonito en agosto, festa declarada de interese turístico nacional. É unha cita que non deben perder”.

O alcalde explicou que “acudimos a Silleda para seguir dando a coñecer o noso concello e os seus potenciais turísticos como as praias, o barco museo, a gastronomía e tamén a importancia do sector náutico pesqueiro. Alí chamou moito a atención unha maqueta que levamos dun pesqueiro. E tamén incidimos na pesca sostible que practican os nosos barcos con especies como o bonito ou a pescada”.

E engadiu: “pensamos que é importante estar nestas feiras para facer promoción de Burela”.

Exit mobile version