Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez anima ás salas de exhibición da provincia a adherirse ao Programa Cine Sénior, co que máis de 97.000 lucenses maiores de 65 anos poderán ir ao cine por 2€

Esta iniciativa do Goberno protexe a viabilidade das salas de exhibición coa recuperación da asistencia dun amplo sector da cidadanía, ao tempo que contribúe a un envellecemento activo e saudable de dita poboación

Lugo, 22 de xuño de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou hoxe en Lugo ás salas de cine da provincia a adherirse ao Programa Sénior que leva a cabo o Ministerio de Cultura e Deporte, coa colaboración das principais asociacións do sector da exhibición, ten como obxectivo fomentar o acceso ao cine ás persoas maiores de 65 anos. Concretamente, esta iniciativa do Goberno de España, dotada con 10 millóns de euros, concede axudas directas ás salas de exhibición para sufragar parte do prezo das entradas que se expidan, de tal forma que un día á semana a entrada de cine tan só custe 2 euros para este grupo de idade.

Isabel Rodríguez visitou esta mañá os cines Yelmo da capital lucense, adheridos ao programa estatal, e destacou a incidencia deste programa cultural na provincia, chegando a máis de 97.000 veciños e veciñas maiores de 65 anos, un 30% da poboación da provincia de Lugo. Alí, intercambiou coa subxerente da empresa, Cristina Risueño, e co director do centro comercial As Termas, Esteban Patiño, as impresións desta primeira edición do programa estatal que protexe a viabilidade económica das salas de exhibición cinematográfica mediante a recuperación da asistencia dun amplo sector da cidadanía, xerando un hábito de consumo, ao tempo que contribúe a un envellecemento activo e saudable de dita poboación.

Neste senso, a subdelegada explicou que as persoas maiores de 65 anos son os que máis están a tardar en retomar os hábitos de asistencia ao cine previos á pandemia. Así, obsérvanse notables diferenzas entre franxas de idade: se o 49,3% dos mozos de 20 a 24 anos acudiu polo menos unha vez ao ano ás salas de cine entre 2021 e 2022, esa porcentaxe cae ata o ao 6% na poboación de máis idade.

Os cinemas participantes terán que comunicar o prezo ordinario da entrada dese día, e o Ministerio de Cultura abonará a diferenza entre ese prezo e os 2 euros que pagarán os maiores de 65 anos, ata un máximo de tres euros por entrada vendida. As salas de cine interesadas en sumarse ao Programa Sénior poden tramitar a súa adhesión a través da páxina web. O prazo remata este venres, 23 de xuño, ás 23:59 horas.

Sector fundamental para a economía

De todos os sectores culturais, o cine é un dos máis afectados, aínda hoxe, pola pandemia. As medidas sanitarias tomadas por mor da COVID-19 provocaron un importante descenso na asistencia media ás salas de cinema no público español, unha asistencia que non termina de recuperarse. A pesar dos repuntes experimentados en 2022, o sector aínda se atopa aproximadamente cun 40% menos de espectadores en relación coa media dos anos 2017 ao 2019.

Cunha medida destas características, o Goberno quere seguir fomentando o acceso á cultura audiovisual do conxunto da poboación española, un motor de transformación e de desenvolvemento social e económico, capaz de xerar riqueza e emprego.

Bono Cultural Xove

Isabel Rodríguez aproveitou o acto para lembrar que os mozos lucenses nados en 2005 xa poden solicitar o Bono Cultural Xove, con 400 euros destinados á adquisición e o goce de produtos, servizos e actividades culturais. Na segunda edición deste programa, que tamén impulsa o Ministerio de Cultura, estímase que cumpren 18 anos en Lugo 2.186 persoas. Para solicitalo, deben rexistrarse e realizar o procedemento de solicitude na páxina web www.bonoculturajoven.gob.es ata o próximo 30 de setembro.

Exit mobile version