Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez ofrece en Viveiro a total colaboración do Goberno para que o Resurrection Fest sexa todo un éxito

“O Resu xa forma parte da esencia de Viveiro e como tal debemos protexelo para que siga a ser un referente na seguridade das persoas e na súa tranquilidade”, engadiu

Viveiro, 23 de xuño de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe en Viveiro a Xunta de Seguridade da nova edición do festival Resurrection Fest, que reunirá a máis de 140.000 persoas na Comarca da Mariña para desfrutar de música metal, punk e hardcore. Isabel Rodríguez destacou a máxima coordinación entre o Goberno, o Concello de Viveiro e a organización do evento para garantir a seguridade dos asistentes e pediu á cidadanía prudencia, que cumpran coas normas previstas e, deste xeito, todo transcorra con total normalidade. “O Resu xa forma parte da esencia de Viveiro e como tal debemos protexelo para que siga a ser un referente na seguridade das persoas e na súa tranquilidade”, engadiu.

Na reunión celebrada esta mañá na Casa Consistorial, Isabel Rodríguez informou que se porá en marcha un amplo dispositivo de seguridade especial de cara á celebración do XVIII edición da cita musical, con especial atención aos desprazamentos que se producen durante os catro días de festival. Igualmente, tratáronse as previsións que baralla a organización do festival, con catro escenarios situados en Celeiro, e os lugares que poden resultar máis conflitivos debido á posible aglomeración de persoas e vehículos. Ademais, coordinouse o labor que desenvolverán os distintos corpos de seguridade e de emerxencia para previr incidencias durante o evento.

Así, a subdelegada do Goberno explicou que a Policía Nacional de Viveiro contará con reforzos entre os que se inclúen membros das unidades de intervención, que son expertos en grandes eventos nos que se poden producir situacións de risco como poden ser avalanchas, ademais de ter o apoio de axentes a cabalo, guías caninos e funcionarios da brigada móbil.

Este ano, o Resurrection Fest, celebrarase os días 28, 29, 30 de xuño e o 1 de xullo e contará con máis de 80 artistas e grupos, todos eles dedicados ao xénero rock, metal e punk, con cabezas de cartel como `Slipknot´, `Pantera´ ou `Ghost´. Así mesmo, haberá servizos como zonas de descanso, gampling, stands de comida ou lockers para a comodidade dos asistentes.

Na Xunta Local de Seguridade participaron o concelleiro, Jesús Fernández, promotores da empresa organizadora do evento xunto a Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Exit mobile version