Site icon Crónica3.com A Mariña

“O acordo das forzas da esquerda para constituír un goberno PSOE-Vilalba Aberta non corresponde co que expresaron os vilalbeses nas urnas”, segundo o PP

“As tres forzas da esquerda quedan retratadas” segundo os populares, xa que “despois dos desencontros entre PSOE e Vilalba Aberta o único interese por reeditar – nesta ocasión apoiado polo BNG- o pacto que romperon no pasado mandato é evitar que goberne o PP”

Vilalba, 16 de xuño de 2023. O PP lamenta que “o acordo das forzas da esquerda para constituír un goberno PSOE-Vilalba Aberta non corresponde co que expresaron os vilalbeses nas urnas o pasado 28 de maio” cando “os veciños e veciñas apoiaron de forma maioritaria ao PP e castigaron ao PSOE”. De feito, “o PSOE perdeu 1.227 votos con respecto ao 2019 e a candidatura popular situouse como primeira forza con máis de 1.600 votos de diferenza con respecto á segunda, o PSOE, ata alcanzar os oito concelleiros; os mesmos que o PSOE no anterior mandato no que, en boa parte, gobernou en solitario trala ruptura do pacto con Vilalba Aberta”.

“O acordo a tres bandas permite volver elixir como alcaldesa á persoa que encabezou a lista que perdeu a confianza de boa parte dos seus votantes e, polo tanto, representación no Concello tralas últimas eleccións”. Así, sinalan dende o PP que “o goberno vilalbés estará conformado por dúas forzas que suman 3.758 votos fronte aos 3.810 votos que recibiu a candidatura do Partido Popular”.

Os populares temen que “os vilalbeses non contemos co goberno estable e de futuro que merecemos e precisamos” debido á reedición do pacto PSOE-Vilalba Aberta, que agora se volven a entender pasando por riba dos seus desencontros”. Nese sentido, lembran que “o PSOE botou a Vilalba Aberta do goberno alegando falta de confianza e Vilalba Aberta chegou a levar pancartas ao pleno para denunciar que o goberno socialista silenciase á oposición no que consideraron como “atropelo democrático sen precedentes na historia do Concello de Vilalba” engadindo que “nin nos peores anos das maiorías absolutistas do PP se atreveron a chegar tan lonxe”. Incluso, ata fai un día Vilalba Aberta vetaba á alcaldesa para chegar a un acordo”.

Para o PP de Vilalba “quedan retratadas ambas formacións” que están a priorizar o seu obxectivo común -apartar ao Partido Popular do goberno e lograr sillóns no goberno- fronte aos seus propios valores. Como dicía Groucho Marx “Estes son os meus principios; pero, se non lles gustan, cámbioos”.

Igualmente, co seu apoio ao bloque de esquerdas, o BNG tamén queda retratado ante os seus votantes porque “os veciños que votaron ao candidato do BNG non votaron a Elba Veleiro como alcaldesa”.

Con todo, a candidata popular á alcaldía, Sandra Vázquez, traslada o seu respecto á “liberdade individual de cada representante democraticamente elixido para formar parte da corporación municipal para votar pola persoa que consideren que debe ostentar a alcaldía de Vilalba”. Así mesmo, convídaos a tomar as decisións que beneficien a Vilalba e aos vilalbeses e comprométese a traballar nesa liña xunto aos seus compañeiros dende o Grupo Municipal Popular.

VONTADE DE DIÁLOGO DO PARTIDO POPULAR

Vázquez, como presidenta do PP local e cabeza de lista nas eleccións municipais, cre que debe explicar aos vilalbeses a postura do Partido Popular de Vilalba dende o domingo 28 de maio. Nese sentido, aclara que “ante os resultados electorais, por responsabilidade cos vilalbeses e por coherencia coa vontade de escoita que viñemos mantendo na campaña e tamén anteriormente, o PP tendeu a man dende o primeiro momento ás outras tres forzas políticas que formarán parte da corporación municipal os vindeiros catro anos”.

A popular indica que “estivemos abertos ao diálogo dende o comezo e, despois de varios días agardando as súas respostas, sentámonos a falar con dúas forzas, mentres que a outra rexeitou dialogar con nós. Quero aclarar tamén que unha delas non chegou a interesarse por manter un segundo encontro cos representantes do Partido Popular”.

Deste xeito, “queda clara a vontade de diálogo por parte do Partido Popular e a falta de interese do resto de forzas por falar co grupo maioritario por ser o máis votado polos vilalbeses na última cita coas urnas”.

Exit mobile version