Site icon Crónica3.com A Mariña

O actor Daniel Otero impartirá este verán un curso de teatro para crianzas e adolescentes en Burela

As prazas son limitadas, o prazo para anotarse finaliza o xoves 29 de xuño

Burela, 13 de xaneiro, 2023. A rapazada de Burela contará este verán cun curso de teatro na súa vila. O actor e profesor de teatro Daniel Otero ofrecerá formación teatral durante os meses de xullo e agosto no centro social Xebra! (Leandro Cucurni, 9). A iniciativa parte do estudo teatral coruñés Casahamlet, fundado polo laureado dramaturgo valadourés Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.

As sesións serán nas mañás dos sábados e durarán dúas horas. Ademais, organizaranse dous grupos en función da idade: un para crianzas (de 7 a 12 anos) e outro para adolescentes (de 12 a 17 anos). O curso, explica Otero, convida o alumnado a xogar coa imaxinación e a creatividade “a través da participación creativa co grupo”. Cuestións como a improvisación, a expresión corporal, o uso da voz ou a escoita en escena son algunhas das ferramentas que achegará o docente para aproximar a profesión actoral á xente máis nova.

As prazas para o curso son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar poden inscribirse antes do xoves 29 de xuño a través do enderezo electrónico dani.otero1993@gmail.com ou do teléfono 661 06 29 84.

Daniel Otero (Nois, 1993) é un actor titulado en interpretación polo Estudio Teatral Casahamlet. Ampliou a súa formación actoral con profesionais do sector como Jorge Coira, Alfonso Zarauza, Fernando Tato ou Manuel Lourenzo, con quen ten traballado no grupo Elsinor Teatro.

No eido audiovisual ten participado na webserie ‘Terapia de’ (finalista a mellor webserie nos últimos premios Mestre Mateo) e nas series ‘Vivir sin permiso’, ‘O sabor das margaridas’ ou ‘Método criminal’. Actualmente, o intérprete –afincado na Coruña– compaxina o seu traballo interpretativo coa docencia en interpretación enfocada a crianzas e adolescentes.

Exit mobile version