Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego pide ao Goberno central que rectifique a xestión dos fondos europeos e ofreza certezas para poder levar adiante proxectos industriais tractores en Galicia

“Nin son capaces de xestionalos, nin de establecer o sistema real de cogobernanza coas comunidades, algo que vimos demandando desde o principio e que posibilitaría a convocatoria e adxudicación dos fondos dun xeito áxil e eficaz”, sinalou Cristina Sanz

Compostela, 28 de xuño de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se pide ao Goberno central que rectifique a falta de planificación que lle caracteriza na xestión dos fondos europeos de recuperación e ofreza certezas para poder levar a cabo e financiar proxectos tractores como os de Stellantis, Resonac, Sentury Tire, Altri ou Forestal del Atlántico. “O tempo apremia posto que 2023 é o último ano para comprometer fondos a proxectos concretos e, a maiores, o regulamento europeo marca que todos os investimentos terán que estar concluídos antes do 31 de agosto de 2026”, sinalou a portavoz popular de Industria, Cristina Sanz.

Na súa intervención, explicou que dos máis de 40.900 millóns de euros anunciados polo Goberno central para os PERTE, ata o momento tan só se lanzaron licitacións e subvencións por 13.668 millóns de euros, o que supón que aínda quedan máis do 66 por cento dos recursos sen convocar. “Pero é que, ademais, neste momento só están adxudicados arredor de 8.900 millóns de euros, o que supón que aínda quedan máis do 78 por cento dos fondos de carácter industrial sen asignar a un proxecto”, concretou a portavoz popular.

MENOS DO 4% PARA GALICIA

“Nin son capaces de xestionalos, nin de establecer o sistema real de cogobernanza coas comunidades autónomas, algo que vimos demandando desde o principio e que posibilitaría a convocatoria e adxudicación dos fondos dun xeito áxil e eficaz”, sinalou.
Cristina Sanz lembrou que “ata o momento a Galicia tan só lle asignaron 337 millóns de euros, o que supón menos do 4 por cento do total de fondos adxudicados polos PERTE”. A maiores, os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia recibidos directamente pola Xunta ascenden a 32 millóns de euros, unhas aportacións dirixidas unicamente á reciclaxe.

“Diante desta situación, tanto a Comisión Europea, como o Banco de España, a Confederación de pequenos e medianos empresarios, os propios empresarios galegos, consultores independentes, a AIReF, entidades financeiras ou FUNCAS suspenden a xestión que o Goberno de Pedro Sánchez está a facer dos fondos europeos”, dixo a portavoz popular.

No caso de Galicia, Sanz asegurou que “se fixeron os deberes e ten artellado a maior carteira de proxectos que xamais se viu nesta terra, proxectos que desde o primeiro día contan co apoio institucional da Xunta e co acompañamento da oficina Galicia Empresa e da Sociedade Impulsa”.

PROXECTOS Á ESPERA DE FONDOS

Cristina Sanz concretou que “falamos de proxectos como o de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, que suporá un investimento estimado de 800 millóns de euros; a fábrica de pneumáticos de Sentury en As Pontes, cun investimento de 523 millóns de euros; o proxecto Triskelion, promovido por Forestal do Atlántico, para implantar unha fábrica de metanol verde en Mugardos, cun investimento de 175 millóns de euros; o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables en As Pontes, cun investimento de 165 millóns de euros; ou o proxecto de biofábrica de Ence tamén en As Pontes, cun investimento de 125 millóns de euros”.

“Pero é que a carteira de proxectos de Galicia vai moito máis alá dos que veño de mencionar, porque tamén hai que ter presentes a futura fábrica de baterías de Resonac en A Coruña; o proxecto de Stellantis en Vigo; o polo Aeroespacial de Galicia; a cidade das TIC na Coruña; a nova fábrica de Estrella Galicia en Arteixo; a planta de hidróxeno verde en Meirama, promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol; o campus tecnolóxico en Padrón e Rois e a planta de aluminio verde en Coirós de Cortizo; a microacería de Celsa na Laracha; ou a nova liña de extrusión de precisión de Exlabesa en Padrón.

XENEROSIDADE PARA INCORPORAR EMENDA BNG

Así mesmo, a proposición non de lei incorporou a emenda presentada polo BNG, a través da que se pide ao Goberno de España respecto ás competencias propias da Comunidade galega, transferindo para a xestión directa os fondos necesarios en cumprimento dos reiterados acordos do Parlamento galego.

Cristina Sanz destacou “a xenerosidade amosada polo Grupo Popular ao permitir ao BNG votar por separado a favor deste punto da súa emenda, a pesar de que os nacionalistas rexeitaran con anterioridade a solicitude para votar por separado a emenda do Grupo Popular á proposición non de lei dos nacionalistas sobre o traspaso de competencias a Galicia, privando así de aprobar este punto e poñer enriba da mesa unha serie de demandas ao novo Goberno central que saia das urnas o vindeiro 23 de xullo relacionadas coa ampliación do autogoberno e a axenda de traspasos competenciais”.

Exit mobile version