Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro lamenta que “tras 20 anos de parálise socialista, as forzas da esquerda opten polo mesmo para non deixar gobernar á lista máis votada”

Os populares cren que “as forzas de esquerda actúan de xeito irresponsable antepoñendo prexuízos ideolóxicos ao mandato cidadá dun cambio de ciclo político”

Viveiro, 20 de xuño de 2023. O PP de Viveiro lamenta que “o único acordo ao que chegaron BNG e XViveiro para que o PSOE siga no goberno do municipio tras 20 anos, sexa non deixar gobernar ao PP como lista máis votada”. Os populares explican que “o BNG polo menos foi sincero, deixando claro que non hai ningún acordo de goberno e que só votaron ao PSOE para que non goberne o PP”. Pero no caso de XViveiro “pretenden facer crer que apoian aos socialistas baixo o compromiso dunha carta aos Reis Magos cunha serie de actuacións, que se non se fixeron en 20 anos, moito menos se van facer en dous”.

Para o PP de Viveiro, “nun momento crucial para o futuro do municipio, as chamadas forzas de esquerda actúan de xeito irresponsable antepoñendo prexuízos ideolóxicos ao mandato cidadá dun cambio de ciclo político. Só pensan en evitar que chegue ao Concello o cambio pedido pola cidadanía, sen adquirir ningún compromiso de goberno e apostando por perpetuar catro anos máis a deixadez, parálise e estancamento destes vinte anos socialistas”.

O PP de Viveiro tilda de “verdadeiro fraude aos cidadáns, que XViveiro, BNG e PSOE non teñan chegado a ningún acordo de programa, que non se comprometan nun goberno conxunto para que os viveirenses podan tomar nota do que fan e non fan, e que só lles una ser anti-PP”.

Os concelleiros populares aseguran que “asumiremos a tarefa de oposición en solitario, e aínda que non entren no goberno, farémoslles responsables conxuntamente do que veña”. De feito, “a Alcaldesa perdeu as eleccións de xeito máis que evidente polo fartazgo e hastío da cidadanía cun goberno sen solucións e capacidade de xestión ante aos problemas do municipio. E agora chegan BNG e XViveiro pretendendo emendarlle a plana aos votantes, manténdoa de alcaldesa”, conclúen.

Exit mobile version