Site icon Crónica3.com A Mariña

O Teatro Pastor Díaz acolle a estrea do documental “Viveiro a través do tempo”

O Concello de Viveiro colaborou na produción das dúas primeiras partes desta peza, que percorre os 900 anos da historia da vila

Viveiro, 2 de xuño 2023. O Teatro Pastor Díaz acolle está tarde a esperada estrea da primeira e segunda parte do documental “Viveiro a través do tempo”, unha peza dos curmáns David e Diego de Bartolomé que recolle os 900 anos de historia da vila e que contou coa colaboración do Concello de Viveiro e da Deputación.

A rolda de prensa de presentación desta mañá no concello contou coa participación dos seus dous creadores. Tamén asistiron a concelleira de Cultura en funcións Lara Fernández-Fernández-Noriega, o cronista oficial da vila, Carlos Nuevo, e Rafa Rivera, que cedeu unha gran cantidade de imaxes para o documental.

A obra comezouse a artellar no ano 2018, e sufriu diferentes cambios por mor da pandemia. Naceu coa idea de “crear un proxecto documental que englobara a historia de Viveiro contada polos seus veciños e por residentes”, coa participación de máis de cen persoas e con numerosa documentación de fotografías, gravacións e entrevistas persoais.

“Viveiro é o protagonista, pero a súa xente ten moitas voces interesantes”, subliñan os seus autores, que insisten en que “non se pode contar unha historia de máis de 900 anos como esta nunha película nin en dúas, pero comezamos por aquí”.

“Foi un proceso difícil pero fascinante, porque Viveiro e a súa historia e historias parecen ser ilimitadas en anécdotas e momentos extraordinarios”, engade David de Bartolomé.

O proxecto non ten ánimo de lucro e realizouse con fins totalmente culturais.

Exit mobile version