Site icon Crónica3.com A Mariña

Os mellores futbolistas da provincia cítanse en Mondoñedo o 1 de xullo no III All Star

Mondoñedo, 24 de xuño, 2023. O municipio de Mondoñedo acollerá a terceira edición do All Star, organizado por Futbolinlugo en colaboración co concello de Mondoñedo e co Mondoñedo CF, ademais da axuda doutras entidades como Deporte Galego dependente da Xunta de Galicia. O evento quere seguir consolidándose como unha cita única no panorama do balompé afeccionado lucense e galego.

Celebrarase o próximo sábado 1 de xullo durante todo o día no Viñas da Veiga. Os puntos principais seguirán sendo os partidos de fútbol feminino e fútbol masculino cos mellores xogadores da tempada, en base aos puntos que semana a semana foi repartindo o medio dixital Futbolinlugo. A maiores varias actividades acompañarán un día de festa.

Este sábado presentouse o evento diante dun dos símbolos máis representativos do concello mindoniense, a súa Catedral. No acto estiveron presentes Manuel Barreira, presidente do Mondoñedo CF, Manuel Cadramón, xefe provincial de deportes da Xunta, Manuel Tapia Rivera, concelleiro de deportes de Mondoñedo e Iván Calaza, redactor de Futbolinlugo.

Máis de trinta xogadoras estarán presentes no partido entre a Selección Norte e a Sur da provincia que empezará ás 12h. Ambos combinados contarán con adestradores de excepción para a cita. Joaquín Blanco que acaba de ascender co CD Lugo a categoría estatal dirixirá a Selección Norte. Mentres que Pili Neira, histórica xogadora do fútbol galego e ex adestradora da selección galega, dirixirá o combinado sur.

Unha selección de futbolistas que este ano competiron na Preferente e na Terceira Rexional xogarán o All Star masculino fronte a un combinado de xogadores que este curso estiveron na Primeira e na Segunda Autonómica. O pastoricense Fiz Rodríguez e Pepe Martín serán os encargados de dirixir o combinado de Preferente e Terceira. Pola súa banda, a outra selección será adestrada por Paco Corredoira e Bruno Gómez. O encontro ten a súa hora de inicio prevista para as 19:00h.

O All Star comezará cunha exhibición de ‘Futbol a pé’. Esta nova modalidade futbolística, xa adscrita a RFGF, está espertando un gran interese polas Rías Baixas. Non se pode correr, só se pode andar rápido e o balón ten que ir sempre rodando polo céspede.

Logo dunha comida de confraternidade durante a tarde, haberá diversos xogos no Viñas da Veiga abertos á participación de todo o público. Iso si, é necesaria a previa inscrición a través de futbolinlugo@gmail.com. O ‘futgolf’ e o ‘rápido de cabeza’ farán desfrutar os que participen e aos que o vexan.

No acto desenvolverase tamén a final de ‘Sesión Plenario’, un concurso de cinco preguntas e respostas sobre o fútbol lucense. Haberá dous finalistas e xogarán unha final como se dunha quenda de penaltis se tratara. A maiores haberá varias homenaxes a futbolistas da provincia que deciden colgar as botas.

O campo de herba natural do Viñas da Veiga recolle a testemuña do Catro Ventos de Carballedo, localización onde se celebrou o curso anterior a gran festa do fútbol lucense.

Dende o comezo, o All Star naceu coa idea de moverse cada ano por un campo da provincia coa idea de expandir a celebración do fútbol afeccionado por todos os recunchos.

Exit mobile version