Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé: “A Deputación seguirá tendo un goberno progresista”

Lugo, 2 de xuño de 2023. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, mostrou este venres a súa satisfacción tras o avance da reunión da Xunta Electoral, que se está celebrando esta mañá, para repasar os resultados electorais. “A Deputación seguirá tendo un Goberno progresista”, sinalou Tomé Roca.

Tal e como adiantara o PSdeG provincial, a Xunta Electoral tivo que ratificar como válidos os resultados das actas oficiais de escrutinio, corrixindo os erros cometidos na transcrición de datos ao sistema informático.

“Hoxe veuse a revalidar o que sempre dixemos. En política, coma na vida, non todo vale”, destacou o socialista. “O Partido Popular pensou que con artimañas e mentiras conseguiría os obxectivos que tiña fixados: o Concello de Lugo e a Deputación de Lugo. Pois nin o Concello nin a Deputación. Porque os veciños e veciñas da nosa provincia coñecen ben a Elena Candia”, valorou Tomé.

Sinalou o Secretario Xeral que “a exalcaldesa de Mondoñedo do PP quere seguir utilizando o Parlamento de Galicia e virá a Lugo de vez en cando para facer oposición. Intentou enganar aos lucenses con anónimos e agora volve a enganalos. Pasou de prometerlle de todo aos veciños e veciñas de Lugo a dedicarlles nada. Con tan pouco tempo en Lugo agora entendemos que a anónima é Elena Candia”.

Explicou José Tomé que “o Partido Socialista alcanzou todos os obxectivos que tiñamos marcados para estas eleccións municipais na provincia, nunha ola política desfavorable”. Nese sentido avanzou que está confirmado que a provincia de Lugo “é un bastión socialista” e que se cumpriron os tres obxectivos marcados: manter as Alcaldías que temos, conseguir novas Alcaldías e manter a Deputación de Lugo. “No PSOE seguimos gobernando a maioría da poboación da provincia”, concluíu.

Exit mobile version