Site icon Crónica3.com A Mariña

Un raio provoca un incendio nunha nave de explotación gandeira en Muras

Muras, 12 de xuño, 2023. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos particulares que contactaron coa central de emerxencias, o lume puido ser provocado por un raio, que afectou toda a instalación eléctrica da nave e tamén dunha vivenda que se atopaba nas proximidades.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos poucos minutos antes das seis horas da tarde de hoxe. De acordo co relato da persoa alertadora, o lume consumía rolos de herba seca e diversa maquinaria agrícola almacenada nunha explotación gandeira localizada na parroquia de Irixoa, no concello lucense de Muras.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos Bombeiros de Vilalba e de Viveiro, aos membros do Distrito Forestal da zona, ao persoal do concello e ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Unha vez no lugar, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Vilalba confirmaron que a estrutura da edificación colapsou por completo. Arestora, os bombeiros continúan no punto traballando para lograr a completa extinción do lume.

Cómpre indicar que desde o 112 tamén se pasou aviso ao equipo de urxencias sanitarias, por se nalgún momento fose necesaria a súa intervención.

Exit mobile version