Site icon Crónica3.com A Mariña

Un ‘San Xoan Castrexo’ de Burela aberto a milleiros de visitantes

A conta atrás para a “X Festa Castrexa” xa rematou e este venres á noite terá lugar o San Xoán Castrexo na praza do Concello de Burela

Burela, 22 de xuño, 2023. O concerto de “A Banda da Loba”, que será gratuíto ás 20:30 na praza do Concello, dará inicio este venres ás celebracións da “X Festa Castrexa” de Burela. Aproveitando a coincidencia de datas, é o segundo ano consecutivo no que a a noite de San Xoan se celebra en Burela como punto de partida para a súa festa histórica, que está organizada pola Asociación Burela Castrexa.

Este ano ademais coinciden en datas coa celebración de importantes eventos deportivos na contorna, que traen á Mariña e a Burela a milleiros de visitantes de outras zonas de Galicia e de España.

Por exemplo no “Memorial Heroes do Orzán”, que se celebra en Burela, San Cibrao, Xove, Viveiro e Foz do 23 ao 27, participan 67 equipos de todo o noroeste e de Madrid, e estímase que só este torneo de fútbol sala trae á comarca a unhas 3.000 persoas, entre clubes, acompañantes e familiares.

Pola súa banda, o VII Torneo Marosa Cup de fúbol base, que se celebra en Burela o 24 e 25, reúne a uns 60 equipos de fútbol e ao redor de mil persoas, só contando os xogadores dos equipos de competición, ao que habería que engadir tamén os seus acompañantes.

Desde a organización da Festa Castrexa anímase a todas estas familias e grupos de
visitantes a unirse á celebración do San Xoán Castrexo, nunha noite na que poderán disfrutar dunha parrillada popular, con sardiñada, churrascada, fogueira e queimada popular na praza do Concello de Burela. A noite tamén terá grandes atractivos musicais, desde o concerto de “A Banda da Loba” ou as actuacións da orquesta Origen e de Dj Litainer, ademais dunha “Foliada” na que intervirán representantes dos grupos locais de Ledicia, Dambara e Arume.

Seguindo coas celebracións deportivas, este sábado pola tarde, coincindo co día grande da “X Festa Castrexa”, o equipo feminino do CD Burela FS xoga en Vista Alegre o segudo partido do play-off polo título de Liga de Primeira División. Por iso desde a organización da Festa Castrexa tamén se lle envía ó equipo toda a forza dos “espíritus castrexos”, desexando poder celebrar pola noite no recinto da festa o quinto título de Liga da súa historia.

X FESTA CASTREXA

Durante a xornada do sábado 24 de xuño terá lugar a celebración da “X Festa Castrexa”, que se concentra en diferentes puntos da vila. A praia de Portelo acollerá desde as 11 da mañá unha nova edición dos “Xogos Castrexos”, convertidos nunha auténtica “Guerra de Clans”.

Unha vez rematados os xogos, os clans castrexos desfilarán xuntos desde a praia ata a praza do Concello para celebrar a sesión vermú, onde se entregarán os premios para os clans e personaxes mellor caracterizados.

Despois dunha parada para degustar os “Xantares Castrexos” na hostalería local, pola tarde volverá ter lugar unha nova edición da “Busca do Torques”, trala xuntanza dos clans na praza do Concello ás 18h.

Este ano tamén se teñen programadas actividades, xogos, obradoiros e ludoteca para os castrexos máis peques na praza durante a tarde. Desde o venres a mediodía tamén estará aberto o “Mercado Castrexo”, que une con diferentes postos de artesanía as prazas do Concello e da Mariña, onde estarán ubicadas diferente atraccións xuvenís.

Pola noite celebrarase a cerimonia das “Vodas Castrexas” na praza do Concello, onde participarán tódalas parellas previamente inscritas. A continuación terá lugar un espectáculo de lume a cargo de “Manos de Fuego”.

A música volverá ter un papel protagonista durante o sábado, desde os pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas Dambara, ata a actuación de Fanfarria Taquikardia abrindo o desfile de clans, e as actuacións da orquesta “Unión y Fuerza” e disco “The Sound Project”, que pecharán con unha gran noite de festa esta edición da Festa Castrexa de Burela.

Exit mobile version