Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro acolle un torneo internacional de baloncesto feminino e outros eventos na súa Semana do Básket

O torneo internacional de preparación para o Campionato de Europa U18, no pavillón municipal de Viveiro, enfrontará ás seleccións española, belga, húngara e alemana nesta categoría

Viveiro, 14 de xuño de 2023. Viveiro celebra a súa Semana do Básket, con numerosos partidos e eventos relacionados co baloncesto. Estes inclúen un torneo internacional de baloncesto feminino U18, un torneo de baloncesto feminino de base infantil e cadete, e numerosas charlas, presentacións de libros e outras actividades.

O baloncesto feminino é o primeiro deporte a nivel estatal por número de licencias, polo que o Concello de Viveiro, o Club de Baloncesto de Viveiro e Drocer Eventos organizan esta Semana do Básket para continuar a poñer en valor esta categoría e este deporte no municipio.

O torneo internacional de preparación para o Campionato de Europa U18, que terá lugar no pavillón municipal de Viveiro, enfrontará ás seleccións española, belga, húngara e alemana nesta categoría. Dende o venres día 16 de xuño ao domingo día 18 haberá cada día dous partidos, de xeito que todas as seleccións implicadas se enfrontarán entre si.

O venres comezará o torneo co Hungría-Bélxica ás 18:00 e o España-Alemania ás 20:15. O sábado terán lugar os partidos entre Bélxica e Alemania e entre España e Hungría, nos mesmos horarios. Finalmente, o domingo enfrontaranse Alemania e Hungría ás 17:15 e España e Bélxica ás 19:45.

Tamén terá lugar nesta Semana do Básket outro torneo, esta vez de baloncesto feminino de base nas categorías infantil e cadete. Os clubes participantes serán o Club Baloncesto Viveiro, o Ensino de Lugo, o Esclavas Basketball da Coruña e o Franciscanos de Lugo. Os partidos terán lugar nos polideportivos do IES Vilar Ponte e do IES María Sarmiento. En total, neste torneo participarán arredor de 120 xogadoras.

Tamén terán lugar numerosas actividades de formación para entrenadores, nas que destaca a presencia do recoñecido entrenador Ricard Casas, cunha ampla traxectoria en varios equipos da ACB e como entrenador axudante na Selección Española.

Ao longo do venres 16, o sábado 17 e o domingo 18, haberá diversas charlas técnicas. Tamén haberá dúas presentacións de libros relativos ao baloncesto. O domingo 18 ás 11:00 presentarase ‘Escucha tu baloncesto’ de Ricard Casas, e o mesmo día ás 11:45, ‘NCAA como destino’ de Antonio Rodríguez, en ambos casos coa participación dos autores.

Ademais, o propio domingo 18 de xuño, ás 13:00 terá lugar unha mesa redonda de entrenadores e familias baixo o título ‘El paso de junior a senior: experiencias en USA”. Todas as actividades desta Semana do Básket son totalmente gratuítas.

Exit mobile version