Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación proporcionará gratis a 52 concellos ferramentas tecnolóxicas para dar un mellor servizo público á veciñanza, cun investimento de 4,5M€

O Presidente, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración cos alcaldes e alcaldesas que decidiron sumarse ao proxecto Impulsa TIC, para avanzar na modernización dixital das entidades locais

Lugo, 28 de xullo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración cos 52 alcaldes e alcaldesas da provincia que decidiron sumarse ao Impulsa TIC, un novo proxecto da institución provincial a través do que proporcionará gratis ferramentas tecnolóxicas ás entidades locais para avanzar na súa modernización e transformación dixital. Para elo, conta con 4,5M€ que conseguiu do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia que o Goberno central ten en marcha cos fondos que logrou da Unión Europea para facer fronte ós efectos da pandemia e modernizar a economía do país.

En presenza dos responsables municipais que decidiron sumarse ao Impulsa TIC e do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Presidente explicou que a de Lugo sitúase á cabeza das institucións provinciais de toda España que recibiron máis fondos desta liña de axudas convocada polo Ministerio de Política Territorial, xunto ás de Barcelona, Valencia e Sevilla, “o que dá boa conta do nivel e da calidade da candidatura que presentamos”.

Destacou o mandatario provincial que este programa estivo aberto a todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e puxo en valor que participasen, finalmente, preto do 80% dos concellos que podían facelo.

Tomé Roca, quen enmarcou esta iniciativa no seu compromiso de consolidar a cooperación cos concellos neste mandato, subliñou que as administracións gañarán “cercanía, axilidade e transparencia” cos servizos e equipamentos que a Deputación lles facilitará atendendo ás súas necesidades específicas e con criterios obxectivos. Puxo como exemplo a axilización de trámites á cidadanía, como a presentación de documentos por Rexistro, a instalación de sistemas para a gravación dos plenos ou a mellora da accesibilidade das páxinas webs municipais.

Apuntou que “tendo en conta a autonomía municipal, os concellos manifestaron xa cal é a súa situación particular en materia dixital, cal é o seu punto de partida e as súas prioridades, para agora proporcionarlles os recursos máis axeitados a esas necesidades específicas, que distribuiremos dun xeito moi semellante a como o facemos co Plan Único, é dicir, en base a criterios obxectivos”, destacou Tomé Roca, quen engadiu que desta forma “garantimos unha xestión eficaz e transparente dos fondos europeos que recibimos”.

Concretamente, os concellos da provincia adheridos ao Impulsa TIC son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outrol, Pantón, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.

17M€ de fondos europeos para a cooperación cos concellos

“Hoxe arrancamos un proxecto que contribuirá a mellorar o día a día dos concellos e, polo tanto, a mellorar o día a día dos veciños e veciñas ós que servimos, pero demostra tamén algo que veño defendendo dende hai moito tempo: a capacidade que temos as administracións locais –as deputacións e os concellos- para que os fondos europeos cheguen de verdade ó territorio e sexan realmente útiles á xente”, puxo en valor o Presidente. Destacou tamén que con estes 4,5M€ conseguidos para a transformación dixital dos concellos, “levamos conseguido un total de 17M€ de fondos da Unión Europea dende o ano 2019, cando asumín por primeira vez a Presidencia desta institución”.

Neste sentido, o Presidente destacou que os fondos recibidos neste mandato serviron “para que os concellos poidan aforrar no alumeado público; para fomentar o emprego de mozos e mozas e parados de longa duración; para favorecer a dixitalización das pequenas e medianas empresas; ou para impulsar proxectos que aproveiten a riqueza medioambiental da nosa provincia”. Nese sentido, José Tomé valorou que “fixemos un bo traballo, e por esta liña seguiremos neste novo mandato, optando a todas as convocatorias de fondos europeos ás que sexa posible concorrer, para seguir impulsando o progreso social e o progreso económico da nosa provincia”.

O responsable da sección de Novas Tecnoloxías da Deputación, Nicolás Fariña, explicou brevemente as liñas técnicas sobre a funcionalidade destes fondos e a folla de ruta que desde a institución provincial se seguirá da man dos concellos para desenvolver os proxectos e avanzar na transformación e modernización dixital dos concellos. Nese sentido, avanzou que, xa firmados os convenios, durante o mes de outubro deste ano abrirase un período para que a Deputación licite o subproxecto de cada concello, coa finalidade de poder comezar coa implantación antes de final de ano.

Exit mobile version