Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta estuda poñer en marcha varias figuras de recuperación da terra agraria e unha parcelaria no concello de Trabada

O Conselleiro do Medio Rural reúnese coa alcaldesa de Trabada, Mayra García, para estudar vías de desenvolvemento rural neste concello

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse coa alcaldesa do municipio lucense de Trabada, Mayra González, respondendo así unha petición da propia rexedora. O obxectivo deste encontro foi o de estudar diferentes vías de reestruturación e recuperación da terra agraria para aplicar neste concello, entre outras cuestións.

Así, trasladóuselle á rexedora que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vai iniciar un traballo de investigación para estudar a posibilidade de desenvolver na zona de Vilapena un polígono agroforestal ou unha agrupación de xestión de terras. Estas figuras están recollidas dentro da Lei de recuperación da Terra Agraria de Galicia e buscan poñer en valor terras que se atopan en desuso.

Ademais, a alcaldesa de Trabada solicitou implementar unha concentración parcelaria na área de Vidal, polo que a Consellería estudará os requisitos necesarios para que se poida iniciar o proxecto segundo a Lei de mellora da estrutura da terra agraria de Galicia (Metaga).

Con todo, dende o departamento de Medio Rural, anuncióuselle á representante desta localidade que a Consellería enviará varios supervisores de prevención para estudar a xestión da biomasa. Estes técnicos traballarán sobre o terreo co obxecto de comprobar o cumprimento da normativa da xestión da biomasa nas faixas secundarias das parroquias deste concello.

Tamén, sobre a loita contra os incendios forestais, explicóuselle á rexedora a colaboración que se está implementando coas deputacións provinciais en materia de dotación de medios, co fin de estender a todo o territorio galego a cooperación xa existente coa institución provincial ourensá.

Exit mobile version