Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro apoia as festas e obras na Mariña “que o PP pon en risco”

“Co PP, A Mariña sempre perde: Altri, Vestas, a VAC… pero tamén dificulta as festas con grande impacto económico como a da merluza de Celeiro”

Viveiro, 15 de xullo de 2023. José Ramón Gómez Besteiro, número 1 da candidatura socialista ao Congreso pola provincia de Lugo, apoiou esta tarde a XXIV Festa da Merluza de Celeiro, unha das grandes citas gastronómicas do verán en Viveiro e na Mariña.

A festa estivo por segundo ano a piques de non celebrarse. O ano pasado polas obras na lonxa e este ano polas desmesuradas esixencias de Portos de Galicia, xestionado polo PP, co cobro de taxas de preto de 18.000 euros aos organizadores, a Asociación Cultural e Deportiva Penalba. Foi o Concello quen, de novo, garantiu a celebración do multitudinario evento: “Celébrase grazas á alcaldesa socialista de Viveiro, María Loureiro, xa que o concello asumiu este ano e o pasado os gastos da colocación dunha carpa de grandes dimensións nas inmediacións da piscina municipal”, destacou Besteiro.

“Outro exemplo de que a Feijóo e a Rueda non lles importa a comarca da Mariña; falamos dunha festa declarada de Interese Turístico Autonómico que ten un grande impacto para o turismo e a economía local dende hai 24 anos”, afirmou o candidato.

Gómez Besteiro, que estivo acompañado pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e por outros membros da candidatura socialista como César Mogo e Patricia Otero, destacou que “para o PSOE é importante A Mariña, pero co PP sempre perde e temos innumerables exemplos: Altri, Alcoa, a VAC ou o apoio a festas como a de hoxe”, engadiu.

Explanada da Variante
Por outra parte, o Concello de Viveiro consiguiu estes días a titularidade de varias parcelas ubicadas nas inmediacións do paseo marítimo, entre elas a Explanada da Variante. María Loureiro agradeceu a receptividade e a colaboración do goberno para acadar por fin este acordo de cesión, moi beneficioso para Viveiro “porque redundará en toda a veciñanza con zonas de aparcamento, espazos verdes para pasear…”.

Cuestión a que fixo tamén referencia Gómez Besteiro na carpa da Festa da Merluza: “Ás xestións do goberno local socialista e do goberno de Pedro Sánchez permitiron que o concello conte xa coa titularidade da explanada da variante e non é unha cuestión menor porque beneficiará a todas e todos os veciños de Viveiro”.

Exit mobile version