Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro: “Pedro Sánchez garantiu o futuro para Alcoa mentras que Feijóo pechou Vestas e mentiu con Altri”

“Fronte ao boicot de Feijóo, hoxe continúa a actividade de Alcoa e os postos de traballo grazas ao Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou

Cervo, 12 de xullo de 2023. “Na Mariña, Pedro Sánchez garantiu o futuro para Alcoa e Feijóo pechou Vestas. E así de simple”. O número 1 ao Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, que mantivo esta mañá unha reunión co Comité de Empresa de Alcoa, evidenciou a tripla traizón de Feijóo e Conde á Mariña con Alcoa, Vestas e Altri. “A Mariña é a comarca galega máis traizoada pola Xunta”.

Besteiro insistiu en que “fronte ao boicot de Feijóo, hoxe continúa a actividade de Alcoa e os postos de traballo grazas ao Goberno de Pedro Sánchez”. Na reunión estivo acompañado polo secretario dos socialistas galegos Valentín González Formoso, o secretario de Emprego do PSdeG e delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez; e outros líderes da candidatura socialista ao Senado e ao Congreso como César Mogo e Patricia Otero. “Os socialistas traballamos sen buscar a foto e de forma eficaz para asegurar o emprego de máis de 500 traballadores e a economía da comarca”. Pola contra, “a Xunta, que ten as competencias en materia de industria, aliñouse cos intereses da empresa durante a primeira fase do conflito e xogou ao escapismo, poñendo en risco o acordo e o futuro de centos de familias ”, censurou o número 1 ao Congreso.

O PP de Feijóo sáelle moi caro á Mariña

O candidato socialista evidenciou o modelo do PP, que privatizou Alcoa en 1998, e provocou os problemas posteriores.

No caso de Vestas, en Viveiro, e aínda que o Parlamento apoiou á Xunta, esta volveu traizoar á Mariña: “Hoxe por culpa de Feijóo os traballadores están na rúa. Con Pedro Sánchez hai futuro para A Mariña, con Feijóo hai pobreza”, afirmou.

Neste senso, apuntou unha terceira deslealdade do PP coa elección de Palas de Rei para a instalación da primeira fábrica de fibras téxtiles de España. O Partido Socialista conseguiu a aprobación no Parlamento por unanimidade da súa proposta para dar prioridade á Mariña. “A Xunta volveu incumprir e deixou tirados, unha vez máis, aos mariñáns. O PP de Feijóo sáelle moi caro á Mariña”.

Durante o encontro, os socialistas agradeceron ao persoal a súa responsabilidade tanto agora como ao longo de todo a negociación para chegar a unha solución definitiva e asegurar os postos de traballo e as capacidades industriais. O acordo asinado en febreiro recolle a recuperación da actividade a finais de 2025, amplía o período de protección laboral dos traballadores da planta de aluminio, garante un tempo no que a electrólise deberá estar operativa e prevé un investimento adicional de 88 millóns na planta.

“Pedro Sánchez tomou as medidas oportunas durante todo o proceso para asegurar o futuro da planta e o emprego tanto dos traballadores como das empresas auxiliares”. Neste senso, engadiu, Alcoa é a empresa que máis fondos recibe en Galicia das axudas do Goberno por emisións de CO2, con 30 millóns de euros; e contará con 5 parques eólicos autorizados polo Ministerio, e pesar do atraso co que a Xunta facilitou a información tras dous prórrogas, cunha potencia de 589 MW.

Rueda nin contesta

Fronte a este apoio, “Rueda nin contestou ás tres peticións do comité de empresa de Alcoa e leva máis dun ano como presidente da Xunta”. Un exemplo máis, dixo, da falta de xestión e irresponsabilidade do PP cos mariñáns.

Os socialistas pediron á Xunta que tome exemplo e pase das palabras aos feitos e apoie con investimentos aos traballadores de Alcoa. Destacou que o Goberno aprobou a semana pasada outros 86 millóns de euros en axudas para compensar cargos da factura enerxética a empresas electrointensivas, ás que poderá concorrer Alcoa.

Exit mobile version