Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Castro en Celeiro: “Debemos compatibilizar a protección ambiental e a protección dos pescadores”

O candidato do BNG defendeu en Celeiro que o litoral galego sexa declarado espazo apto para a pesca de fondo

Lugo, 19 de xullo de 2023. O número un ao Congreso pola provincia de Lugo, Daniel Castro, visitou o porto de Celeiro onde coñeceu a situación da pesca de arrastre na actividade pesqueira do país. Alí, Castro declarou que “se a pesca é un puntal da economía galega e do emprego, na provincia de Lugo e na Mariña aínda o é moito máis coas potencias pesqueiras que representan os portos de Celeiro e Burela, e máis no actual contexto de crise industrial e de emprego que atravesa esta comarca”.

“Desgrazadamente cumpríronse as peores previsións para un sector que xa está sometido a unha estricta regulación e control. Todos os esforzos da nosa flota pesqueira polo cumprimento da normativa lonxe de ser recoñecidos, son desprezados e demonizados”. Para Daniel Castro, a nosa é unha frota que é “exemplo internacional de boas prácticas e, con esta decisión da Comisión Europea, vai ver mermada considerablemente unha parte fundamental dos seus caladoiros”.

Esta situación, explica Castro, afecta a todo o país e provoca “que moitos barcos se teñen que desprazar moito máis do normal, o que inflúe de xeito directo no traballo dos demais profesionais pesqueiros e, como consecuencia, en moitos postos de traballo”.

Galiza, explica Castro, é a primeira rexión pesqueira europea, e en termos xerais, a nosa frota representa case a metade de toda a española, pescando en diferentes augas a nivel estatal, europeo e internacional. Daniel Castro reclamará no Congreso “unha actitude máis firme e decidida en defensa do sector pesqueiro de Galiza” para evitar a prohibición da pesca de fondo. Segundo o número un, esta medida “non se sustenta en estudios rigorosos, posto que non existe ningún informa serio que o avale”, xa sexa por razóns ambientais ou de sostibilidade.

“Debemos compatibilizar a protección ambiental e a protección dos pescadores”, explicou o candidato, quen instou aos presentes a presentar un recurso sólido para ter a máxima oportunidade “de darlle a volta a este regulamento que tanto os prexudica”.

Dende o BNG trabállase para atopar as alternativas máis factibles e útiles para que esta actividade se siga desenvolvendo. Segundo Castro, trátase de algo que “hai que conversar coa axuda do sector para adaptarse ben a todas as situacións que se presentan”. En definitiva, “defenderemos a necesidade de declarar o litoral galego como espazo apto para a pesca de fondo, tal e como xa teñen manifestado as nosas deputadas no Parlamento Galego”, sentenciou o candidato do BNG.

Castro destacou que é preciso tamén fomentar o consumo de peixe entre a veciñanza. Para o candidato do BNG, a reducción do IVE asociado ao peixe “non só favorecería ao propio sector senón á poboación en xeral e, moi en particular á máis desfavorecida economicamente, ademais de contribuír a fomentar o consumo de produtos pesqueiros”. Segundo Daniel Castro, a caída da venda de peixe pode observarse xa dende 2008 e nos últimos anos agravouse debido ao impacto da pandemia na economía. Castro afirmou que “é preciso incluír ao peixe na listaxe de alimentos de primeira necesidade aos que se lles eliminou o IVE ata o 30 de xuño, e pasar a estar gravados co IVE superreducido a partir dese momento”

Exit mobile version