Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito do Campamento Musical de Asuembu, celebrado esta pasada fin de semana en Burela

Burela, 3 de xullo de 2023. Éxito do Campamento Musical de Asuembu, celebrado esta pasada fin de semana en Burela.

O concelleiro de Mocidade e Educación, Mario Pillado, comentou que “esta fin de semana pasaron rapaces de case toda a xeografía galega polo Campamento Musical de Asuembu (Asociación de Usuarios da Escola de Música de Burela), en concreto chegaron de Foz, Alfoz, O Valadouro , Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Lugo, Sarria, Ferrol, A Coruña ou Vigo, a parte de Burela”.

O edil burelés amosouse satisfeito polo ambiente creado e vivido polos participantes: “sobre todo o que mais nos enorgullece é comprobar a diversión, o compañeirismo e o bo ambiente que se palpaba entre as rapazas e os rapaces, o que nos mostra o necesarias que son este tipo de iniciativas para asentar valores e a cultura popular entre a mocidade”.

Para rematar o campamento os rapaces fixeron disfrutar ás familias e ao público presente dun extraordinario concerto. “Foi un final apoteósico, un concerto espectacular que mostrou o esforzo e dedicación mostrada polo alumnado e tamén a alta cualificación do profesorado do campamento. Tratábase de músicos realmente maxestuosos, de nivel internacional, coma Andrea Villar, de Rábade, que foi finalista do prestixioso concurso Antón García Abril; o burelao Bruno Valle, que traballa coas figuras mais grandes do Jazz; o clarinetista Antón Seijas, presente en xoves orquestras sinfónicas da xeografía nacional; Diego Segade, do Conservatorio Superior da Coruña ou Jose García, mestre da Escola de Música de Burela, que colabora con músicos e formacións de diferentes estilos de todo o panorama nacional”, subliñou Mario Pillado.

Dende o Concello de Burela e Asuembu agradecen aos traballadores municipais e a todos aqueles colaboradores que dun xeito ou outro fixeron posible a velada de onte e o campamento.

No acto de entrega de diplomas aos asistentes participaron Mario Pillado e a alcaldesa de Burela, Carmela López, que asegurou que “o Concello seguirá a apoiar este tipo de iniciativas, xa que son moi enriquecedoras para a mocidade”.

Exit mobile version