Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez celebra a “normalidade democrática” que supón que máis de 69.000 lucenses en 94 países reciban a documentación para poder votar no 23-X

Arxentina lidera o número de votantes CERA, con 31.579 persoas que teñen dereito ao voto nas eleccións, séguenlle Cuba, Estados Unidos e Uruguai. Suíza é o primeiro país europeo na lista, con 2.758 votantes

Lugo, 14 de xullo de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, celebrou hoxe a “normalidade democrática” que supón que 69.098 lucenses en 94 países de todo o mundo poidan participar nas vindeiras Eleccións Xerais sen ter que solicitar previamente o voto. “Estas eleccións constatan a fin dunha inxustiza histórica coa cidadanía lucense no exterior”, sinalou a subdelegada, xa que son as primeiras que afectan a Galicia tras a modificación en 2022 da Lei do Réxime Electoral Xeral (LOREJ). A subdelegada apuntou que a modificación da lexislación electoral suprimiu os trámites que tiñan que facer as persoas no exterior para poder manifestar un dereito constitucional básico, o de participar na elección dos seus representantes.

“Todas estas persoas van participar e decidir o presente e o futuro deste país en igualdade de condicións co resto dos seus compatriotas”, subliñou Isabel Rodríguez quen amosou a súa confianza en que “a voz da Lugo exterior” se escoite con rotundidade nas eleccións do 23 de xullo, reflectindo o peso que o CERA ten no censo total da provincia, dun 20%.

Así mesmo, lembrou que aínda que non son as primeiras eleccións que se celebran dende a aprobación da modificación da LOREJ, nas eleccións municipais de maio o CERA non tiña dereito a voto polo que, na práctica, este é o primeiro proceso electoral que impacta en Galicia coa nova lexislación.

94 países con lucenses
A subdelegada remarcou que a participación do CERA supón un esforzo loxístico non coñecido previamente. Dos 94 países nos que hai lucenses do censo CERA, 65 países contan con 50 ou menos votantes e, deles, en 20 só hai unha persoa censada e en 8 países, dúas persoas censadas.

A Subdelegación do Goberno facilita o contido dos sobres que están chegando xa as persoas no exterior. A documentación remítese a través do INE en dous envíos. Un primeiro con sobres de votación e coa dirección da Xunta Electoral competente; os certificados de inscrición no censo e unha folla informativa. Nun segundo envío postal, os electores e electoral recibiren as papeletas. A Subdelegación destina para o voto no exterior as papeletas que corresponden aos xogos completos da candidaturas ao Congreso e ao Senado que se facilitan a cada votante. Esta documentación será a que empreguen para depositar o voto, ben nos locais habilitados nos países de destino ou ben por correo certificado.

Distribución por países
Arxentina segue a ser o país con maior número de votantes CERA, con 31.579 persoas que teñen dereito ao voto nas eleccións. A este séguenlle Cuba (15.358); Estados Unidos (2.821) e Uruguai (2.767). Suíza é o primeiro país europeo, con 2.758 votantes; Filipinas (29) é o primeiro país en votantes da provincia do continente asiático e Marrocos (11) o primeiro de África.

Exit mobile version