Site icon Crónica3.com A Mariña

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo de Sumar Galicia, José Antonio Rodríguez Añon, reuniuse este martes co comité de empresa de Alcoa

Lugo, 11 de xullo de 2023. O candidato ao Congreso por Lugo de SUMAR GALICIA, José Antonio Rodríguez, reuniuse hoxe co Comité de Empresa de ALCOA. Nesta xuntanza de case 2 horas, compartíronse puntos de vista e iniciativas sobre a situación actual e futura da planta de ALCOA na Mariña, a maiores doutros temas de interese social, sindical, económico ou ambiental.

O Comíté de Empresa trasladou ao candidato de SUMAR GALICIA, que eles entenden que a situación actual da factoría é o resultado dun abandono político, a falta de iniciativas e a falta total dunha política enerxética dos Gobernos Autonómicos e Central, e que dificulta mirar con esperanzas o futuro da planta mariñá. José A. Rodríguez, que leva traballando en temas de transición máis de 20 anos, trasladoulles “o seu convencemento de que ALCOA ou calquera outra empresa teñen futuro de facerse as cousas de xeito eficiente e co compromiso dos responsables da empresa e os gobernantes”.

O candidato de SUMAR GALICIA propón “solucións baseadas en investimentos en eficiencia enerxética e implantación de renovables, simbiose industrial con outros sectores da Mariña para desenvolver riqueza apegada ao territorio, desenvolvemento do ferrocarril na zoa e no resto da provincia para potenciar o comercio e a industria, ou a implantación de procesos de descarbonización”.

José Antonio Rodríguez trasladoulles “a necesidade de pensar en positivo e no futuro non so da planta, no futuro da Mariña, e no futuro das súas fillas e fillos”. Xa en clave máis política, o candidato trasladou ao Comité de Empresa o seu apoio en todas aquelas iniciativas que sexan viables dende o punto de vista social, económico e ambiental, e que non podemos permitir que a principal fortaleza da Mariña e de Lugo sexa o sector servizos. Tamén comentou que “non podemos permitir que as nosas fillas e fillos teñan o seu futuro hipotecado por compromisos artificiais”.

O compromiso de SUMAR GALICIA é cos que veñen detrás, con aquelas e aqueles que hoxe non poden decidir o seu futuro. Debemos darlles as mesmas oportunidades que tivemos nós e que podan elixir escribir o seu destino. Negarlles isto as nosas fillas e fillos sería un fracaso como sociedade.

O candidato de SUMAR GALICIA agradeceu a sinceridade e o recibimento por parte do Comité de Empresa de ALCOA e comprometeuse a “traballar nunha ALCOA sostible, eficiente e que xere mais riqueza na zona da Mariña”.

Exit mobile version