Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro recalca que a Xunta cumpre tarde coas obras do campo de Lavandeiras

A alcaldesa comparte a alegría da voceira popular pola concesión da axuda, “é curioso, xa que na campaña electoral acusounos de non solicitar esta axuda, pero isto demostra que si o fixeramos”

Viveiro, 21 de xullo de 2023. O Concello de Viveiro recalca que a Xunta cumpre tarde coas obras do campo de Lavandeiras, tras conceder esta semana unha axuda para realizar o proxecto. O Goberno local insiste en que o proxecto xa contaba cun convenio económico, que a Xunta rexeitou prorrogar, obrigando ao Concello a buscar outro tipo de financiamento. A axuda, dun importe de 50.000 euros, será para executar o proxecto de reforma de instalación eléctrica e dotacións no campo de deportes municipal de Lavandeiras. O orzamento total do proxecto ascende a 120.018 euros.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, recalca que a concesión da axuda “demostra que este Goberno local foi dilixente e solicitara esta subveción, malia que a voceira do partido popular, quen agora se alegra pola concesión, nos acusou durante a campaña de que non a solicitaramos”.

O Concello de Viveiro aclara que este proxecto contaba nun inicio con sendos convenios coa Deputación e a Xunta para financiar, xunto á administración municipal, estas obras. Porén, unha demora nunha autorización de Augas de Galicia provocou o retraso na sinatura do convenio da Xunta a finais do ano 2022.

Dadas as circunstancias temporais, o proxecto saíu a licitación a finais dese ano, cun prazo de execución axustado. Segundo o Goberno local, esta é unha das posibles razóns para que o concurso quedara deserto. Coa intención de sacar de novo a licitación as obras, o Concello de Viveiro solicitou en varios escritos unha prórroga á Xunta, que foi denegada, impedindo así o financiamento a tres partes proposto inicialmente.

O Goberno autonómico informou ao Concello que podía solicitar esta axuda, agora concedida, para suplir o convenio. O Concello actuou con dilixencia, solicitando e logrando esta axuda. Porén, lamentan que se a Xunta prolongara o convenio para o campo das Lavandeiras, o importe desta axuda podería empregarse noutros proxectos.

Neste sentido, o Concello informa que xa está solicitado á Deputación de Lugo, como se fixera en 2022, o correspondente convenio para a financiación da parte que estaba prevista no seu momento, asumindo o concello a financiación da parte restante.

Dende o Concello de Viveiro agradécese esta axuda da Xunta, igual que o financiamento que recibe doutras administracións. Porén, o Goberno local remarca actuou con toda a dilixencia posible neste proceso, o cal, dado que dependía doutras administracións, derivou na necesidade de solicitar esta axuda, xa que a obra non se puido executar en 2022 polas circunstancias descritas.

Finalmente, a alcaldesa do Concello comparte a satisfacción da voceira do grupo popular, quen recoñeceu que a Xunta concedeu esta subvención, o que denota que o Goberno local a solicitou.

Nese sentido, cabe lembrar que durante o debate da campaña electoral das pasadas eleccións xerais, ante uns 400 veciños e veciñas, a candidata polo Partido Popular, Mariña Gueimunde, dixo abertamente que a alcaldesa non solicitara esta subvención. Polo tanto, dende o Goberno local insisten que, ou ben a candidata estaba a mentir, ou non tiña coñecemento da realidade, considerando graves calquera destas dúas opcións.

Exit mobile version