Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista desmárcase da Lei do litoral da Xunta para “non ser cómplices nin colaboradores necesarios” na estratexia de confrontación do goberno galego

Patricia Otero critica a aceleración dos prazos para forzar a coincidencia coa campaña electoral, demostrando que “non queren nin darlle seguridade xurídica ao sector mar industria nin protexer ao litoral de posibles pelotazos urbanísticos”

Santiago de Compostela, 04 de xullo de 2023. A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, anunciou hoxe que o Grupo Socialista desmárcase da Lei do Litoral de Galicia logo de que o PP e o goberno galego revelaran a súa verdadeira intención “electoralista de confrontación” co goberno central. Otero interveu no debate final logo do trámite acelerado desta Lei, que foi aprobada coa abstención do PSdeG e o único voto favorable do PP.

A responsable socialista rexeitou actuar como “cómplices nin colaboradores necesarios” na estratexia de confrontación despregada polo PP e o goberno galego, que “agochaban outras intencións que non eran darlle seguridade xurídica ao sector mar industria nin protexer ao litoral de posibles pelotazos urbanísticos”. A responsable socialista lamentou a “ofensa á man tendida” dos socialistas galegos, abertos no principio a apoiala a cambio de que fora mellorada no trámite.

Lembrou que a Lei estaba prevista para ser aprobada a final de ano, coincidindo coa data de remate da Lexislatura, pero ao PP “entráronlle as presas” ao coñecer do adianto electoral ao 23X. A partir de aí, explicou, modificaron unilateralmente os prazos para impoñer un procedemento exprés e aprobar a Lei logo dunha única xuntanza da Ponencia e que puidera chegar ao último Pleno do período de sesións e antes das eleccións xerais.

Criticou que ao PP “dálle igual como saia esta Lei” e por iso “furtan o debate parlamentario con tal de cumprir co obxectivo” de confrontar co goberno central, mudando o consenso e o debate por “unha nova imposición do PP”, que chegou a “ameazar aos grupos parlamentarios” sinalando que a norma ía ser aprobada “si ou si” antes do parón do verán.

Explicou que “non é certo que vaian ter competencias plenas” con esta nova Lei, tal e como sinala o propio Consello Consultivo, que no seu informe apunta que será necesario ter ademais a transferencia dos medios. Puxo en dúbida o interese do PP por acadar a nova competencia logo de 14 anos nos que non acadaron ningunha transferencia, e logo de terse negado a actualizar o Estatuto durante o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño.

Criticou o “engano a parte da cadea mar – industria” por parte do PP e do goberno galego ao agochar que o Executivo central aprobou tódalas peticións de prórrogas de ocupación do espazo marítimo terrestre, e “a única que non foi favorable denegouna a Xunta de Galicia”. Patricia Otero ironizou coa actitude do candidato do PP e expresidente da Xunta, Núñez Feijóo, que “tanto mentir e chega a dicir que as laranxas están a 15 céntimos”.

Alertou fronte ao anuncio de Feijóo de modificar a Lei de Costas, e lembrou que “actuar a golpe de impulsos non lles resulta moi ben”, antes de lembrar que o Tribunal Constitucional anulou varios preceptos da Lei de Costas de 2013 porque buscaba beneficiar os intereses particulares dun ex ministro do PP de Aznar.

Ostreira do Grove

Otero denunciou a campaña de “enganos” do PP, chegando a terxiversar o caso da ostreira do Grove, que ten un informe de ocupación favorable por parte de Costas, agás o referido a unha ampliación das piscinas en terreo público porque teñen unha parcela dispoñible ao lado. Aclarou que Costas tense dirixido á empresa para pedirlles un escrito alegando a imposibilidade de ampliar a parcela e xustificar a petición, pero a día de hoxe non teñen entregado a documentación.

Acusou ao goberno galego de ter agardado á precampaña electoral para verter “enganos e manipulacións para embarralo todo”, malia que as resolucións deste caso concreto foran ditadas en xaneiro, hai seis meses, nos que o goberno galego non fixo nada para resolver a situación.

Advertiu que “non parecen ser garantes de dotar de seguridade xurídica ao mar industria e os propietarios da costa”, cando será o Tribunal Constitucional o que “decidirá se Galicia invade competencias do Estado ao limitar a 15 anos a actuación fronte ás obras no litoral”. Aludiu así á petición do xulgado do Contencioso – Administrativo de Pontevedra, que hai dúas semanas facía esta petición ao alto tribunal logo da reforma dos prazos na última Lei de Acompañamento da Xunta.

Exit mobile version