Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP defende os servizos sanitarios e as escolas infantís en Foz, pero rexeita “a politización” das propostas do BNG

A vicevoceira, Mercedes Rodríguez, sinala que “a falta de persoal médico nos centros de saúde non só afecta a Galicia, senón a tódalas comunidades porque o Goberno non permite formar máis MIR”

Foz, 28 de xullo de 2023. O Grupo Municipal do PP de Foz está “a favor de garantir os servizos sanitarios e tamén os servizos das escolas infantís”, pero rexeita que, baixo esa premisa, “o BNG trate de politizar” estes asuntos e “falar de supostas aldraxes e desleixos” por parte da Xunta de Galicia e, polo tanto, negándose a ver a realidade do apoio e investimentos do Goberno galego en Foz.

A vicevoceira, Mercedes Rodríguez, aclara que “non existe ningunha discriminación cara a Foz”. É máis, “a falta de persoal nos centros de saúde responde a unha problemática xeral e non só en Galicia, senón en tódalas comunidades autónomas con independencia da cor política dos seus gobernos” porque non hai médicos de familia e o Goberno central, que ten as competencias, non deixa formar máis MIR que permitirían cubrir as prazas. Aínda así, “Foz conta dende fai unhas semanas cun médico máis grazas á creación dunha nova categoría de facultativo especialista de Atención Primaria e a súa provisión de xeito extraordinario por concurso de méritos por parte da Xunta”. A esta medida extraordinaria, tanto PSOE coma BNG votaron en contra.

En relación ás escolas infantís, os populares explican que “non se pode obviar que a ratio de prazas nas escolas infantís que ten Foz duplica a recomendada pola UE (Foz alcanza o 67% do 33% recomendado)”. Rodríguez engade tamén que “non existe lista de agarda ao final do período de matriculación e, incluso no 2022, quedaron prazas libres nas escolas infantís de Foz”. No caso de que fora necesario dotar de máis prazas para a atención de nenos e nenas de entre 0 e 3 anos en Foz, o Concello podería crear unha escola municipal para o que a Xunta conta cunha liña de apoio específica”. Igualmente, lembrou “o investimento de máis de 2 millóns de euros por parte da Consellería de Educación nos centros educativos do municipio”.

O PP de Foz quere que “se cubran todas as prazas de persoal no centro de saúde e se garanta o seu correcto funcionamento” e tamén defende unha atención de calidade para os máis pequenos, pero condena que “se negue a realidade” porque “non existe discriminación ningunha cara a Foz por parte da Xunta”. É máis, “aquí inviste para que Foz teña os mellores servizos posibles”.

Exit mobile version