Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe axilidade na roza das estradas provinciais

O voceiro, Antonio Ameijide, engade tamén “á falta de axilidade na roza das estradas, o mal estado en moitos puntos da rede viaria provincial” que os populares levaron a pleno citando como exemplos vías de Trabada e Sarria

Xoves, 27 de xullo de 2023. O Grupo Provincial Popular esixe axilidade na roza das estradas provinciais tendo en conta que “o propio bigoberno de PSOE e BNG da Deputación de Lugo recoñeceu no pleno deste mércores o atraso na execución destes traballos nalgúns concellos”. É o caso dalgúns da Mariña onde a maleza invade parte da calzada, tapa a sinalización vertical e dificulta a visibilidade, o que “pode supoñer un perigo para a circulación nesta época estival cando se incrementa o volume de tráfico de xeito exponencial aos usuarios”.

Os deputados populares aclaran que “a pesar de que o goberno provincial di que estarán rematados os traballos de roza a mediados de agosto é probable que a execución destes traballos se alargue ao longo do verán”. E subliñan que “non é unha situación excepcional” porque “isto sufrímolo tamén nos últimos anos, como puideron comprobar os veciños da provincia e tamén os nosos visitantes”.

O voceiro, Antonio Ameijide, lembra que “á falta de axilidade para levar a cabo unha xestión eficiente dos labores de roza das marxes das estradas, hai que engadir o mal estado en moitos puntos da rede viaria provincial”. É un asunto que o Grupo Provincial Popular ten denunciado en numerosas ocasións, incluído o pleno deste mércores. Nesta ocasión, os deputados reclamaron melloras para a LU-P-6103 e a LU-P-6104, ao seu paso por Trabada; a LU-P-4303, LU-P-5602 e LU-P-5701, ao seu paso por Sarria, onde os veciños e veciñas tamén reclaman a mellora da seguridade da LU-P-5709.

COLABORACIÓN COS CONCELLOS
A colaboración cos Concellos é unha das competencias propias da Deputación Provincial. Nese sentido, os populares condenan “unha nova negativa do goberno provincial a atender ás súas competencias e a facer un reparto obxectivo dos medios da Deputación con todos os concellos da provincia”. De feito, PSOE e BNG votaron en contra da creación dunha mesa de traballo dirixida a facer un reparto xusto dos medios do parque móbil da Deputación entre os concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes e, polo tanto, prestar colaboración en materia de arranxo e mantemento das vías que son de titularidade dos Concellos.

Ameijide sinala que “Tomé e o seu goberno só se rexen por criterios partidistas e así o poden comprobar os propios veciños: só teñen que preguntarse se teñen visto nos últimos anos maquinaria do parque móbil da Deputación arranxando vías de titularidade municipal nos Concellos gobernados polo Partido Popular, porque é algo case imposible”.

Exit mobile version