Site icon Crónica3.com A Mariña

O pregón de Santiago Jaureguizar abre o Ribadeo Indiano 2023

Ribadeo, 7 de xullo de 2023. O Teatro acolleu esta tarde o acto de presentación e o pregón do Ribadeo Indiano 2023.

Tomaron a palabra o alcalde, Daniel Vega, que tivo unha verbas de agradecemento para o cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, que non puido participar nesta cita; e a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.

O rexedor dixo que “todo o mundo ten unha idea do que é o Ribadeo Indiano, mais é conveniente lembrar que, aínda que o carácter festivo é evidente e definitorio, concibimos o evento como un medio de posta en valor do noso patrimonio histórico e cultural”.

Dani Vega subliñou que “queremos que sexa un recoñecemento, un acto de divulgación dunha época histórica imprescindible na conformación do carácter que hoxe ten o noso concello. É, Ribadeo unha terra de encontros e despedidas cunha longa historia ás súas costas e coas súas portas abertas sempre ao respecto e á tolerancia”.

E engadiu: “sempre pendentes desa parte da nosa economía que é o turismo, defendemos coma nos países máis avanzados, uns fluxos de visitantes que valoran a natureza, a calidade na oferta hostaleira, e por suposto a oferta cultural e turística diversa e de calidade. Ese é o camiño que nos trouxo até aquí e no que queremos manternos e acadar a excelencia… Ribadeo Indiano é unha celebración na que todas as persoas podemos participar dun ou doutro xeito. a implicación da veciñanza e visitantes e a coidada estética renden homenaxe a un pasado que retornará en presente estes días cun coidado programa de actos”.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, quixo render homenaxe á emigración, á que marchou a países de América Latina, pero tamén á que o fixo a Australia, á que quedou no continente europeo ou mesmo en España, en comunidades como Cataluña ou Euskadi.

E animou a participar no Ribadeo Indiano: “desde hoxe e ata o domingo hai unha ampla programación agardando por todos nos. E hai ducias de casas de comidas e bebidas dispostas a sorprendernos e centos de tendas nas que poder atopar todo o que precisemos para lucir do mellor xeito posible. Que todas e todos pasemos un fantástico Ribadeo Indiano”.

O escritor e xornalista Santiago Jaureguizar foi o encargado de dar o pregón do Ribadeo Indiano 2023 no que lembrou a súa infancia nesta vila, á que retorna sempre que pode. E tamén aludiu á figura dos irmáns Moreno Ulloa.

Los Jimaguas foron os encargados de poñer a nota musical no Teatro. A comitiva dirixiuse despois ao peirao de Porcillán para darlles a benvida aos querid@s indian@s.

Exit mobile version