Site icon Crónica3.com A Mariña

O SLG entrevístase cxs voceirxs da área de medio rural do BNG, Carme Aira e Xosé Luís Rivas, para denunciar os abusos das industrias

Alarma entre as granxas de leite pola inacción da Consellaría do Medio Rural fronte á baixada orquestrada polas industrias lácteas

Compostela, 10 de Xullo 2023. A gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; o gandeiro e responsábel do sector lácteo, Manuel Villaverde, e o coordenador do sector leiteiro no SLG, Xulio Fernández, entrevistáronse co voceiro das áreas de agricultura e gandaría do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Xosé Luís Rivas, Mini, e a voceira das áreas de desenvolvemento rural e PAC, Carme Aira.

Esta xuntanza enmárcase na xeira de reunións con grupos políticos con representación no Parlamento Galego iniciada polo SLG a fin de trasladar a nosa preocupación pola inacción e desleixo da Consellaría do Medio Rural (CMR) no tocante aos incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria, e procurar unhas liñas de traballo conxunto a nivel parlamentario que permitan presionar á CMR para que actúe fronte á baixada de prezos orquestrada polas industrias lácteas, da que vimos alertando xa dende o mes de febreiro.

Independentemente do produto que transformen ou do segmento de mercado diferente no que traballen, todas as industrias que recollen o leite na Galiza están entregando ás gandeiras e aos gandeiros contratos á baixa.

Esta devaluación do prezo do leite por parte do sector industrial está a ter lugar nun momento no que os custos de produción mantéñense altos, sen que até o dagora se noten baixas importantes en insumos principais como a alimentación, ao tempo que a seca condiciona que os custos sigan a ser un tema preocupante nalgunhas zonas do noso país.

Ademais, as baixadas teñen lugar nun contexto xa de por si discriminatorio con respecto ás granxas galegas. Malia que Galiza segue a ser o principal produtor de leite a nivel estatal, e ao descenso de produción que está a marcar este último ano, segundo os últimos datos publicados (abril), no noso país as industrias pagan o litro de leite a 53,33ct/l., moi lonxe dos 56ct/l. que perciben as granxas do resto do Estado.

De feito, cada vez vemos máis incumprimentos da Lei da Cadea: empresas que tratan de impoñer unilateralmente prezos abusivos mesmo por debaixo de custos de produción, empresas que non fan as ofertas no prazo que indica a Lei, contratos a curto prazo, escritos de asunción automática de contrato para as granxas que entregan o leite -denunciados xa polo SLG na Axencia de Información e Control Alimentarios- … Tamén se está a confirmar unha significativa entrada de leite e derivados lácteos de fóra, sen que a Consellaría do Medio Rural tome tampouco medidas ao respecto.

É totalmente intolerable que a Xunta, moi lonxe de cumprir ca súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei, estea a actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas, facendo oídos xordos ás continuas denuncias do SLG, infrinxindo o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción -dificultando así o cálculo dun prezo final por litro que cubra custos e remunere o traballo-, abandonando as súas responsabilidades na entrada de leite de fóra e mesmo introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria, como no caso da Inleit, que malia incumprir os contratos asinados coa xente gandeira, vai ser premiada con axudas públicas pola Xunta de Galicia.

Como levamos anos reivindicando dende o Sindicato Labrego Galego, ao igual que en todos os eidos profesionais, para garantir a viabilidade das granxas e o futuro do sector, os prezos do leite non só teñen que cubrir custos, senón tamén remunerar o traballo das gandeiras e gandeiros, que como calquera persoa traballadora viven dos seus salarios.

Mentras o Conselleiro José González Vázquez e a Xunta están desaparecidos, a sangría de peche de granxas de leite galegas continúa agravándose: das 6.251 que había fai un ano, xa só quedamos 5.892.

Pedimos que dende o Parlamento Galego se leven adiante as iniciativas pertinentes para esixir unha maior transparencia por parte da Consellaría do Medio Rural e un traballo coordinado por parte da Administración galega que pare de contado as baixadas de prezo do leite e cumpra ca súa responsabilidade de facer respectar a Lei da Cadea, poñendo fin a estas prácticas abusivas das industrias, que están a pór en entredito o futuro das nosas granxas de leite, un dos sectores profesionais esenciais na vertebración socioeconómica do medio rural galego.

Exit mobile version