Site icon Crónica3.com A Mariña

Toman posesión como concelleiros do BNG: Marcos Villamil, Martín Graña e Raquel Ferreira, quedando así configurado o grupo municipal que está xa en condicións de afrontar o labor de oposición

Ribadeo, 12 de xullo, 2023. Este martes 11 de xullo pasado tomaron posesión como concelleiros do BNG Marcos Villamil Martínez, Martín Graña Pérez e Raquel Ferreira Álvarez. Confórmase así un grupo municipal nacionalista no que se combina a experiencia acumulada de varios mandatos de Pablo Vizoso Galdo, Vicente Castro Reigosa e Marcos Villamil, coa forza propia da mocidade, e experiencia nos seus respectivos campos, de Martín Graña e Raquel Ferreira.

Desde xa van poder comezar a traballar polo concello de Ribadeo desde o papel que nos asignou a sociedade ribadense. O BNG vai facer un intenso control da acción de goberno (sen caer na demagoxia), e ao mesmo tempo achegará propostas alternativas que sirvan para enriquecer a vida política municipal e mostren que temos unha alternativa clara e coherente para gobernar Ribadeo.

O noso programa electoral constaba dun conxunto de propostas coherentes e rigorosas con accións concretas e unha maneira de entender a vida política municipal que seguiremos a defender. Cada vez que o goberno municipal de Ribadeo emprenda medidas que resulten prexudiciais para Ribadeo alí estaremos para advertir das posíbeis consecuencias negativas de ditas políticas e para mostrar a nosa alternativa.

Martín Graña Pérez (Piñeira, Ribadeo) é graduado en Historia e está a rematar a carreira de Dereito. Foi presidente da comisión de festas da Patroa e é secretario da comunidade de montes de Piñeira (Os Chaos). Persoa moi coñecida e moi activa no ámbito da mocidade, ten demostrado na súa curta existencia grande capacidade de formación e traballo.

Raquel Ferreira Álvarez (Ribadeo) é enfermeira no Hospital da Costa. Coñecedora das necesidades da sanidade pública e dos servizos sociais e da falta de recursos coa que ten que afrontar o seu cometido cada día poderá achegar a súa experiencia no eido socio-sanitario á vida municipal ribadense.

Exit mobile version