Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada de alimentación saudable en Valladolid con ‘Merluza D& Burela’

Burela, 21 de xullo, 2023. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, en colaboración con Dietista Magnética, organizou este xoves en Valladolid unha xornada sobre alimentación saudable na que a protagonista foi a ‘Merluza D& Burela’.

O grupo de participantes visitou este xoves pola mañá o Mercado del Val de Valladolid, en cuxas peixarías lles explicaron como diferenciar o peixe branco do azul polo tipo de cola e sobre todo o que significa unha marca de calidade, como ‘Merluza D& Burela’, detallando a arte de pesca e as zonas nas que se captura a pescada.

A xornada celebrouse nun ton moi distendido e con alta participación por parte do público, sobre todo os nenos asistentes, que fixeron moitas preguntas sobre a pescada e o peixe en xeral.

A continuación Dietista Magnética ofreceu unha charla divulgativa sobre a importancia do peixe na nosa alimentación, destacando as súas propiedades e beneficios para a saúde.

Finalmente tivo lugar unha degustación de receitas de pescada elaboradas pola chef María José, do Gastrobar Menganita: “Taco de Merluza D& Burela confeitada a baixa temperatura e con ajada” e “Tapa de Merluza D& Burela con boletus e costra de alioli”, acompañadas de limonada natural.

Algunhas das persoas participantes pediron as receitas por escrito para poder repetilas nas súas casas e outras recoñecían que probaban o peixe por primeira vez, o que xustifica a celebración deste tipo de citas, achegando o “Peixe de Burela” a zonas do interior e fomentando o consumo de peixe entre a poboación.

Esta acción inclúese no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa, e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA.

Exit mobile version